Santiago e O Milladorio asumen as novas limitacións, que inquietan os hostaleiros
Os concellos en alerta vermella van adecuándose ás novas restricións. Un deles é o de Santiago de Compostela, onde, desde hoxe están prohibidas as reunións entre persoas que non convivan. Unha medida que lle afecta a toda a poboación, que terá que cambiar os seus hábitos, pero que preocupa especialmente entre o sector hostaleiro.
Este xoves en Santiago xa só se podía consumir fóra, nas terrazas, e non se poden xuntar, por exemplo, grupos de estudantes ou de amigos, polo que a actividade redúcese practicamente a cero. A todo iso hai que sumar que o turismo que chega a Compostela é cada vez menor, e os hostaleiros temen que estas medidas restritivas acaben con el.
Complicado con esta chuvia aproveitar as terrazas en Santiago. Ese é un dos problemas que atopan os hostaleiros da cidade: xa non poden atender no interior dos locais, e xusto nesta época do ano as terrazas traballan pouco. E a iso hai que sumarlle que, coas novas restricións, non se poden xuntar máis de cinco persoas, e teñen que ser conviventes. Nada de grupos de amigos ou compañeiros de traballo. Algo que, din, vai ser difícil de controlar.
O Concello anuncia que estudará medidas de apoio á hostalería. Mentres, en ximnasios e centros socioculturais adaptan as actividades a grupos de cinco. Vodas e funerais reducen a ocupación. E facer vida social, nunha cidade de estudantes, faise complicado.
No campus universitario ringleiras de alumnos esperan para o cribado sistemático que se reiniciou este xoves. Pola noite, incrementaranse os controis policiais para evitar festas en pisos. Todo para dobregar a curva, que está resultando difícil. Na área sanitaria de Santiago, co Milladoiro tamén en nivel vermello, permanecen activos 851 casos e nas últimas 24 horas houbo 78 novos positivos.