Santiago e Lugo, máis preto de abandonar o nivel de risco extremo da covid
Non hai tregua na busca de asintomáticos. Os cribados continúan, en zonas rurais ou barrios das cidades en que se detectan gromos. Tamén de xeito masivo nos concellos onde a transmisión do virus segue moi elevada.
"Estamos facendo un cribado da poboación de Oleiros de entre 30 e 65 anos. Por agora está asistindo moi ben a xente, estamos moi contentos", explica unha sanitaria.
"Hai que axudar en toda a detección posible", di un veciño. "Haino que facer, para saber se estamos ben ou non", razoa un home maior. "Hai que detectar todos os asintomáticos, que ao mellor andamos por aí sen sabelo e somos un perigo en potencia", apunta unha muller.
En Oleiros chamaron 15.000 persoas para que entreguen unha mostra de saliva. Pero os cribados poboacionais estanse facendo en toda a área metropolitana da Coruña, onde a incidencia aínda duplica o risco extremo por covid.
Pouco mellor é a situación en Ferrol e na súa contorna. Con todo, os datos seguen mellorando en todas as áreas sanitarias e nas grandes cidades de Galicia. De momento, só Vigo saíu do risco extremo, pero Santiago e Lugo poderían sumarse nos vindeiros días se continúan baixando os contaxios ao mesmo ritmo que agora. Tamén está sendo moi importante a caída dos contaxios nas comarcas da Barbanza e da Mariña.