Santiago e Arteixo, pendentes de medidas máis restritivas para frear os contaxios
Galicia suma máis de 300 novos contaxios por cuarto día consecutivo. Hai preto de 4.500 casos activos na comunidade. E 238 persoas precisan hospitalización. Trinta e nove delas están en unidades de coidados intensivos. Desde o inicio da pandemia faleceron 786 persoas, dúas nas últimas 24 horas.
Hai dúas novidades. Mellora a situación en Narón, que baixa a nivel 2 de alerta, marcado en laranxa, e empeora en Santiago de Compostela e Arteixo, que agora están en alerta 3, marcados en vermello. Súmanse á situación que xa tiñan Ames e sete concellos da provincia de Ourense. Santiago convértese na segunda cidade galega, despois da capital ourensá, en situación de máxima alerta pola incidencia do virus.
A capital de Galicia empeora os datos a pesar de levar un mes con limitacións nas reunións e na ocupación de establecementos comerciais e de hostalería. Pasa ao máximo nivel de alerta por cumprir dous requisitos: ter mais de 50.000 habitantes e sumar máis de 112 casos de coronavirus confirmados por PCR na última semana. Este martes volve reunirse o comité clínico que avalía a situación epidemiolóxica en Galicia, e saberemos se o aumento de casos en Santiago e Arteixo deriva ou non en maiores restricións nestes concellos.
Hai xa un mes que os santiagueses viven con restricións por mor da covid−19: non se poden reunir máis de dez persoas nin consumir en barra nos bares, e a ocupación dos locais está limitada á metade. Pero a situación epidemiolóxica, lonxe de mellorar, foi a peor. Na última semana diagnosticáronse por PCR máis de 112 casos, e iso, nunha cidade de máis de 50.000 habitantes, pona no nivel máximo de alerta e en cor vermella conforme aos criterios do semáforo covid−19 de Galicia.
O Comité clínico decidirá este martes se a expansión do virus en Compostela recomenda ou non endurecer as restricións. Tamén en Arteixo, a outra localidade que acaba de subir ao nivel máximo de alerta. Xa sufrira un importante gromo no verán e preocupa pola súa proximidade á Coruña.
Santiago e Arteixo súmanse a Ames e aos sete concellos ourensáns en alerta 3. Pola contra, mellora a situacion no concello de Narón, que baixa a nivel 2.