CRTVG

Buscar

Santiago e Ames eximen as terrazas de hostalería de pagar taxas no 2021

Publicado o 02/11/2020 17:11
Santiago e Ames eximen as terrazas de hostalería de pagar taxas no 2021

A xunta de Goberno local de Santiago aprobou inicialmente a modificación da ordenanza fiscal que eximirá os locais de hostalería de tributar polas terrazas no 2021.

Pola súa banda, o Goberno de Ames estende ao primeiro semestre do ano que vén esta mesma medida, xa aplicada para 2020.

En conferencia de prensa, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que a decisión deriva do "compromiso adquirido" coa Asociación de Hostalería de Compostela e que deberá ser ratificada en pleno para a súa aprobación definitiva.

A reunión do Goberno local compostelán tamén acordou a tramitación dun expediente modificativo de crédito para o plan de sustentabilidade turística.

Así, incluirá unha nova aplicación orzamentaria nun novo proxecto de gasto que se creará desde a oficina de orzamentos, que conta con 3 millóns de euros, financiados a partes iguais entre o Goberno central, a Xunta e o Concello.

Pola súa banda, Ames tampouco cobrará as taxas de utilización da vía pública con mesas e cadeiras durante o primeiro semestre de 2021, "compromiso" que afectará, segundo destaca, o sector hostaleiro e "algúns comercios".

Resalta que esta axuda engádese á derrogación da ordenanza fiscal de instalación de postos no mercado de rúa para 2021 e á condonación de ambas ás taxas do ano 2020.

"A situación da hostalería, lonxe de recuperarse nesta nova etapa, acaba de sufrir un novo golpe coas restricións de mobilidade que están a causar grandes perdas e o peche de establecementos", lamenta o Consistorio a través dunha nota de prensa.