Santiago blíndase polas festas do Apóstolo cun dispositivo especial de seguridade
Santiago blíndase para garantir a seguridade nas Festas do Apóstolo. A Policía Nacional ten despregado un dispositivo especial con medios terrestres, aéreos, unidades de subsolo, de desactivación de explosivos e mesmo de cabalería. Desde os tellados ata os sumidoiros. Con axuda de cans, cabalos e unidades chegadas de toda a Península. Así se vixía Santiago para evitar incidentes durante as Festas do Apóstolo.
Marta García, xefa de Seguridade Cidadá de Santiago: "Esperamos que todo se desenvolva con normalidade e que pasemos desapercibidos, que non sexa necesaria niguha intervención especial".
Hoxe intensífícase o dispositivo, que leva días despregado pola zona vella e os accesos á cidade. Mañá estarán especialmente atentos ás mochilas, que non poderán entrar no Obradoiro para os fogos. A idea é evitar riscos, por riba e por baixo da praza.
Marta García, xefa de Seguridade Cidadá de Santiago: "Vanse mirar todos os accesos ao subsolo desde os sumidoiros e despois de revisar que todo estea ben, selaranse".
Este ano contan co reforzo de 20 policías en prácticas da academia de Ávila e axentes portugueses que participan no programa Comisarias Europeas.
Vítor Lima, xefe de Seguridade Cidadá de Chaves: "Colaboramos coa Policía Nacional para atender aos turistas portugueses e que estean a gusto".
Ademais, a Garda Civil reforzará os controis de tráfico, alcol e drogas na cidade. Un amplo dispositivo para que ninguén augue a festa do día grande de Galicia.