CRTVG

Buscar

Santiago acolle o Primeiro Encontro Mundial de Médicos Galegos

Publicado o 19/09/2019 21:09

Primeiro Encontro Mundial de Médicos Galegos. Un evento que nace co espírito da vocación, os valores e as raíces da medicina. Durante tres días, a Facultade de Medicina de Santiago intercambia experiencias con médicos galegos chegados de Europa, Asia, África e América. 

Xornada inaugural do Primeiro Encontro Mundial de Médicos Galegos. Máis de 250 profesionais dos catro continentes chegan a Compostela para acuñar a súa experiencia, os seus coñecementos e o seu selo, o selo galego.

José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, cre que o encontro "permite ter conciencia do que fixo a medicina galega, que é moi especial nesa proxección acompañando a nosa diáspora migratoria. E claro, temos presenza médica desde Galicia servindo os nosos irmáns".

Asomega, a Asociación de Médicos Galegos, fai 25 anos. Confésanos que non hai mellor agasallo que a organización deste evento: un espazo onde abordar a investigación e o futuro da medicina desde a galeguidade, con profesionais que traballan no país e tamén en Europa, Asia, África e América.

Julián Álvarez Escudero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC recórdanos que "son moitos profesionais galegos que traballan nas mellores institucións do mundo dos cales imos aprender e aos cales tamén lles imos aprender. Para a Facultade de Medicina e para a Universidade de Santiago é un orgullo que tantos profesionais decidiran reunirse aquí".

Delia Cerviño, pediatra brasileira en Salvador de Baía espero: "Un maior coñecemento entre nosotros tanto a nivel profesional como de galeguidade, de sentimento".

Durante tres días a medicina galega camiña en Compostela cara á innovación, a investigación e o desenvolvemento. Cos pés no país e no mundo, con pasos firmes para mellorar a asistencia sanitaria.



























 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/09/2019