CRTVG

Buscar

Santiago acolle manobras conxuntas dos tres exércitos

Publicado o 25/06/2019 16:06

Cazas militares voan esta semana por Santiago. Eses impresionantes voos son punta de iceberg dun adestramento conxunto dos exércitos do Aire, de Terra e da Armada que vén a demostrar como poden montar unha base no medio da nada.

O aeroporto de Santiago é un país simulado. E de súpeto ante as cámaras alertan o xeneral dun perigo inminente. E chega o ataque. E responden dous F-18 que exhiben a súa reacción defensiva. O ataque é simulado, pero o adestramento é real.

Continuará toda a semana, así que non se asusten se ven voar por aquí Eurofighters coma estes, que chegaron da súa base sevillana de Morón digamos que rápido.

"Vir de Moreón ata aquí lévalles corenta minutos, se é que veñen en liña recta", di o xeneral Simón.

Preguntámoslle tamén ao piloto por semellante velocidade. "O dobre da velocidade da luz. Dous mil catrocentos quilómetros á hora", explica o capitán Entrialgo. Normal que no aire non dea tempo a pensar.

"Hai que telo todo moi adestrado e moi interiorizado para saber tomar as decisión correctas no aire".

Decisións que tomar en segundos. Mais os cazas son só a punta de iceberg deste adestramento en que se montou en 48 horas unha base despregable.

"É Santiago pero podería ser calquera parte do mundo", asegura o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

Dende esta sala segura diríxese esta base con máis de cen persoas, completamente autónoma. Consta de diferentes módulos. Hai médicos, servizo antiincendios, concertinas, motos silenciosas, cámaras, radares e mesmo depuradora de auga, por se hai que montar a base no medio da nada.

Aquí descansan os pilotos. Se reciben un aviso, teñen que estar no aire antes de quince minutos sen esquecer o lema deste grupo: "Valor, sorte e ao touro".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019