Santiago acolle as oposicións a policía nacional con fortes medidas contra a covid
Nervios, falta de sono e ganas de rematar canto antes, pero coa mellor nota posible, era o espírito co que chegaban a Santiago de Compostela os aspirantes a unha praza na Policía Nacional. Había 630 persoas convocadas nas instalacións do colexio La Salle, presididas este ano polas medidas sanitarias contra a covid. Dende lonxe, os familiares seguían expectantes a presentación dos opositores.
"Lévaas como todos. Preparounas bastante ben pero a ver cómo lle saen", comenta a nai dun aspirante.
"Vai como un flan-relata outro pai-. Pero é normal porque hai que decatarse que son catro horas de exame seguidas".
A de Santiago é unha das 16 sedes onde se celebran simultaneamente en toda a península os exames para policía nacional. Esta mañá os aspirantes, que xa conseguiron aprobar as probas físicas, enfrontábanse aos cuestionarios de coñecementos. Unha segunda fase prevista para xaneiro, pero que se aprazou ata hoxe por mor da covid e que obrigou a extremar as medidas hixiénicas desta vez.
Rubén Campos, voceiro da Policía Nacional, indica as precaucións sanitarias obrigatorias para os opositores:
"Máscara, daráselles xel á entrada do recinto e as probas serán consecutivamente durante a mañá de hoxe".
Se os aspirantes aproban esta segunda fase aínda teñen que superar unha entrevista persoal e un recoñecemento médico. Hai 2.400 prazas en xogo para toda España e 16 mil inscritos, dos que un de cada tres son mulleres.