CRTVG

Buscar

Abascal destaca que os seus 24 deputados "defenderán o orgullo de seren españois"

Publicado o 29/04/2019 18:30

O candidato de Vox á presidencia do Goberno, Santiago Abascal, agradeceu os apoios naquelas provincias en que acadou representación no Congreso. Ante os berros dos asistentes que cantaban "España, unida, xamais será vencida", Abascal mantivo unha mensaxe de unidade nacional como piar fundamental da súa argumentación.

A continuación criticou duramente o Partido Popular, cualificándoo como "dereitiña covarde", e a súa "incapacidade de opoñerse á esquerda e á ditadura progre". Afirmou que con eles no Congreso "iso non ha volver pasar".

Vox acada 24 deputados nas Cortes que, segundo o seu líder, "defenderán o orgullo de seren españois" e "a nosa soberanía, que non permitiremos que se esmague en Barcelona", nunha clara alusión aos partidos independentistas cataláns, que cualificou de "traidores".

Finalmente, atacou os inmigrantes nun claro ton criminalizante. Asegurou que hai que esforzarse en defender as fronteiras e "expulsar aqueles que entran na nosa casa".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí