CRTVG

Buscar

Santalices reivindica a "política con maiúsculas" na cerimonia de Translación dos restos do Apóstolo

Publicado o 30/12/2019 14:40

Os actos comezaron coa tradicional recepción de autoridades civís e militares na praza do Obradoiro.
Tras presenciar o desfile militar, a comitiva desprazouse ata a igrexa de San Francisco, que este ano acolleu a cerimonia debido ás obras no interior da Catedral.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que representa a Casa Real por terceira vez consecutiva nesta cerimonia, apelou á concordia como inspiración na vida cotiá dos cidadáns e na política.

Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia: "Reivindicamos a política con maiúsculas, a que busca o acordo e responde e soluciona con intelixencia os problemas dos cidadáns. Reivindicamos a política e os políticos que respecten o Estado de Dereito e a separación de poderes consagrada pola Carta Magna".

Tamén avogou por loitar sen tregua contra dramas como a violencia de xénero, por facerlle fronte ao cambio climático e por unha transición enerxética xusta que preserve a actividade económica e o emprego. Ademais, reivindicou as peculiaridades da cultura galega, que ten na lingua, dixo, o máximo expoñente.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, oficiou a Misa nesta cerimonia en que se conmemora o traslado dos restos do Apóstolo desde Xerusalén ata Galicia.

Noticias web

30/12/2019