CRTVG

Buscar

Santa Cruz de Rivadulla, declarado Xardín de Excelencia Internacional da camelia

Publicado o 25/06/2020 16:23

Non se sabe exactamente cando nin como chegou a camelia a Galicia, pero hai polo menos trescentos anos que esta planta de orixe asiática adorna os nosos xardíns. A camelia ten en Galicia un protagonismo tan excepcional que aquí temos cinco dos 26 xardíns de excelencia que a Sociedade Internacional da Camelia recoñeceu en Europa.

Todo un fito para Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia: "Inglaterra nos supera porque teñen no sur 7, pero máis lonxe uns doutros, nós a vantaxe que temos é que os máis lonxanos, que son Soutomaior e Ribadulla pode haber 60-70kms, é o único lugar do mundo onde en tan poucos quilómetros podemos gozar de tantos xardíns excelencia".

O primeiro xardín galego en levar este distintivo foi o do castelo de Soutomaior; seguírono o pazo de Rubiáns, a Saleta e Quinteiro da Cruz, os tres na comarca do Salnés. A eles súmase agora o pazo de Santa Cruz de Rivadulla, o único fora da provincia de Pontevedra.

A súa historia remóntase ao século XVI, cando o cóengo da catedral de Santiago Juan Ibáñez de Mondragón adquiriu estas propiedades coñecidas no seu tempo como a torre e o casar de Ortigueira.

Isabel Mareque, traballadora do pazo: "O seu sobríño, Íñigo de Mondragón, cardeal de Santiago, é o que fai o deseño que se conserva igual hoxe, e que se diferencia en tres áreas: unha área de bosque, outra de labradío ou cultivo e outra de xardín reservado".

As camelias máis antigas son as que adornan este paseo central, que se plantou nun tempo indeterminado entre os séculos XVII e XVIII. Vencellado ás mesmas apareceu tamén aquí o primeiro documento escrito sobre o cultivo da camelia en Galicia. Outra das características únicas do pazo de Rivadulla entre os xardíns de Galicia é que aquí contan cun bosque naturalizado de camelia, na zona máis boscosa do xardín, a do regato.

Para levar o selo de Xardín de Excelencia Internacional, este e os outros catro espazos catalogados así en Galicia teñen que cumprir determinados requisitos, tanto en canto ao patrimonio botánico como á atención ao visitante que teñan. Son considerados os cinco estrelas dos xardíns.

Noticias web

25/06/2020