CRTVG

Buscar

O Goberno usa os datos dos móbiles para estudar como se desprazan os cidadáns

Publicado o 14/04/2020 23:17
O Goberno usa os datos dos móbiles para estudar como se desprazan os cidadáns

O Ministerio de Transportes está a utilizar os datos de posicionamento duns trece millóns de teléfonos móbiles para estudar a mobilidade dos cidadáns, especialmente os desprazamentos de máis de 500 metros, tanto durante o estado de alarma como na posterior fase de mitigación do confinamento. O departamento que dirixe José Luis Ábalos ofrece diariamente na súa web os datos que lanza esta análise.

Por exemplo, indican que este pasado 10 de abril, en plena Semana Santa, 31,5 millóns de españois non se moveron máis aló da establecida distancia, máis do dobre dos 14,6 millóns que non o facían antes do confinamento.   

Así o anunciou a secretaria xeral de Transportes, María José Relo, quen detallou que o ministerio está a aproveitar a experiencia que xa tiña en realizar estudos sobre mobilidade e demanda de transportes a partir dos datos de teléfonos móbiles para estudar a correspondente ao período de estado de alarma.   

Relo explicou que se trata dun estudo realizado xunto coa Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos a partir da "adaptación dos algoritmos" dos estudos que xa viñan facendo para "analizar agora o grao de responsabilidade dos cidadáns".

O alto cargo do departamento garantiu, non obstante, que se utilizan os datos "anonimizados" e cúmprese escrupulosamente coa lexislación de protección de datos e de garantía de dereitos dixitais.   

Segundo detallou, con esta ferramenta de análise analizan as viaxes de máis de 500 metros que se realizan non só a escala nacional, senón tamén provincial e por comunidades.

En concreto, o obxectivo do estudo é dispoñer dunha "caracterización da mobilidade a nivel nacional, de comunidade autónoma, provincial e local, para apoiar os labores de seguimento da evolución da enfermidade, para avaliar a efectividade das medidas de restrición da mobilidade adoptadas, así como contribuír a toma de decisións durante o período de mitigación", segundo detalla o Ministerio na súa web. Para iso, a análise compara a mobilidade diaria coa dunha semana tipo equivalente que fora previa á crise.

Os resultados do estudo actualizaranse diariamente durante o estado de alarma e durante todo o posterior período de mitigación. A información dispoñible cada día corresponderá aos datos reais de mobilidade de xornadas previas, "o tempo necesario para a disposición e tratamento dos datos", detalla o Ministerio.