CRTVG

Buscar

Sanidade valora as vacinas adicionais anunciadas para agosto pero considéraas insuficientes

Publicado o 31/07/2021 14:41

O conselleiro de Sanidade lembra que o pasado mes de xuño conseguiron vacinar 220.000 persoas nunha semana, pero asegura que se houbese doses suficientes poderían chegar ata as 700.000. Nunha entrevista na Radio Galega, Julio García Comesaña, valorou o anuncio do presidente Pedro Sánchez de que este agosto haberá unha remesa extraordinaria de 3,4 millóns de vacinas, das que a Galicia lle corresponderían ao redor de 900.000. Segundo o titular de Sanidade esa nova chegou despois de que o ministerio comunicara un descenso.

 "Parece que non que había unha noticia sorpresa dun incremento pero en todo caso ese incremento non vai superar esas 220.000 que tivemos no mes de xuño, non", "en todo caso tamén espero que a España e a Galicia cheguen canto antes todas as que precisamos para ter o 100 % da poboación coa dobre pauta e eses problemas que agora temos non sexan os mesmos, é que o  esperamos todos" di o conselleiro.

García Comesaña espera que as novas remesas de vacinas permitan cumprir o calendario acordado con Educación e que os escolares poidan comezar o curso xa vacinados.

"Manexamos esa posibilidade, en setembro acabar coa vacinación dos de bacharelato e comezar xa cos da ESO durante todo o mes de setembro" engade.

Os menores de 12 anos terán que agardar a que finalice un estudo, no que tamén participan expertos de Santiago, para saber se lles pode administrar o fármaco de Pfizer.

Noticias web

31/07/2021