CRTVG

Buscar

Sanidade suaviza restricións en oito concellos pero lembra que "o virus non desaparece"

Publicado o 25/11/2020 14:45

• Verín, Amoeiro, Coles, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Monforte e Campo Lameiro saen da lista de concellos coas limitacións máis duras

• Entra Moaña, que terá un peche perimetral propio 

• Os cambios entrarán en vigor este xoves tras a publicación no DOG

• Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama, baixo a lupa de Sanidade

 

Cambia o mapa das restricións. Oito concellos pasan o seu útimo día pechados. Xa se contaba con este respiro en Verín, pero tamén se relaxan as medidas en Amoeiro, Coles, Monforte, Val do Dubra, Boqueixón, Trazo e Campo Lameiro. No caso contrario está Moaña. Pecha mañá, polo empeoramento dos contaxios.

Dende esta medianoite serán menos os veciños que están dentro do peche perimetral da área de Santiago. O comité clínico decidiu que saen del os concellos de Trazo, Boqueixón e Val do Dubra. Os tres pasan ao nivel dous de restricións, no que está o resto de Galicia.

A desescalada avanza en Ourense: Amoeiro e Coles relaxan medidas. E Verín, que leva con limitacións que se foron incrementando dende o 18 de setembro. Alí os hostaleiros pecharan antes de que fora obrigatorio. Agora poderán abrir de novo.

A boa evolución epidemiolóxica rebaixa tamén as medidas en Monforte.

Na provincia de Pontevedra hai unha de cal e outra de area. Sae Campo Lameiro e entra no nivel máximo de restricións o concello de Moaña, onde dende esta medianoite terán que pechar os bares e restaurantes e só poderán reunirse os conviventes.

A evolución epidemióloxica en Galicia segue estable con tendencia descendente.

"Retiramos as restricions cando a incidencia acumulada mantense estable por debaixo de 100 nos ultimos sete ou dez dias, acompañada dunha evolución favorable tanto pala disminución dos casos ou outros indicadores coma os asistenciais ou a porcentaxe de PCR", explica Carmen Durán, directora de Saúde Pública.

Os mesmos pasos poderían seguir Ourense e Santiago nos próximos días. A situación mellora en todas as cidades a excepción de Pontevedra, que segue baixo vixilancia especial.

Tamén están no foco de Sanidade Ribeira, A Lama, A Rúa, Petín e Dumbría, que polo de agora continúan como están. Sanidade agradece a colaboración dos concellos.

"É moi importante e agradezo a colaboración dos concellos para que axuden a cumprir as restricións, empregando as ferramentas que son da súa competencia, como é a policía local e, por suposto, tamén agradecemos o esforzo da delegación do goberno", di Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.

O comité lembra que saír das restricións non significa que o virus desaparecera e fai unhas recomendacións con vistas ás celebracións de Nadal.

"Reunireime cos familiares no exterior e sempre con máscara e as miñas celebracións familiares van ser só cos meus convevintes", di o doutor Pedro Rascado, membro do comité clínico.

Pero de momento o documento que regulará as medidas no Nadal non está pechado.