CRTVG

Buscar

Sanidade retira os produtos dunha queixería de Taboada "por problemas de hixiene"

Publicado o 12/02/2020 20:03

• O dono nega un problema alimentario e fala de "erros na etiquetaxe"

• Andrés Paz, director xeral de Saúde Pública: "Había produtos con características alteradas"

As autoridades sanitarias ordenaron o peche cautelar da queixería Casa Macán, en Taboada, Lugo, tras detectar problemas hixiénico-sanitarios. Retiráronse do mercado cinco variedades de queixo e unha manteiga e recomendan que non se consuman. Con todo, desde Sanidade destacan que non hai ningún caso de enfermidade vinculado ao consumo e mandan unha mensaxe de tranquilidade á poboación.

Sanidade suspendeu cautelarmente a actividade de Lácteos Casa Macán, en Taboada, e ordenou a retirada do mercado dos seus produtos. Trátase de cinco variedades de queixo e unha manteiga. As máquinas están paradas dende que se detectaron nunha inspección deficiencias hixénico-sanitarias no mantemento das instalacións e en diferentes fases da cadea de produción.

Recoméndase ás persoas que teñan estes produtos que non os consuman e os devolvan, pero fan un chamamento á tranquilidade.

Pola súa banda, en Casa Macán din que se trata dunha paralización parcial para resolver un problema derivado dun erro na etiquetaxe. Fan un chamamento á tranquilidade e agardan reiniciar a actividade nos vindeiros días.

Esta queixería de Taboada, que conta con 15 traballadores, elabora anualmente un millón de quilos de queixo. Vende a maior parte da súa produción a unha cadea de supermercados alemá e distribúe os seus produtos en Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha.

 

Noticias web

12/02/2020