CRTVG

Buscar

Sanidade pecha Ourense e Barbadás para conter a expansión do coronavirus

Publicado o 07/10/2020 08:31

• As medidas entran en vigor esta medianoite | Tamén se aplican medidas especiais de nivel 2 nas comarcas de Allariz, O Carballiño, O Ribeiro, Ourense, Verín e Valdeorras

O conselleiro de Sanidade pídelle "responsabilidade" á cidadanía

A Consellería de Sanidade acaba de acordar restrinxir a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás. Deste xeito, os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios.

Así o decidiu o comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 despois da xuntanza desta tarde en que se analizou a situación epidemiolóxica na comunidade autónoma.

Así mesmo, decidiuse prohibir as xuntanzas de persoas non conviventes nos concellos de Barbadás, Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño.

Mantense esta mesma restrición en Ourense, onde xa estaba en vigor dende o pasado venres.

Así mesmo, nos concellos de Ourense e Barbadás aplicaranse as medidas de nivel 3 e por tanto estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior; terán que se limitar a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior un máximo de 5 persoas por mesa. 

Ademais entran en nivel 2 os concellos das comarcas do Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Allariz, Verín e Valdeorras.

Entre as restricións xerais deste nivel destacan a limitación das ocupacións ao 50 % nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería (onde ademais estará prohibido o consumo en barra), e tamén en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros.

Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública, que queda fixado nun máximo de dez persoas. Tamén se regula a redución das ocupacións en celebracións, velorios e lugares de culto. 

Todas estas medidas entrarán en vigor dende as 00:00 horas do vindeiro xoves.