Sanidade reduce a dez os concellos que terán máximas restricións a partir do venres
• Deixan de estar no nivel 1 Carballo, Malpica, Cabanas, Aranga, Catoira, Larouco, A Pontenova e Xunqueira de Espadanedo
• Repasamos a nova normativa de mobilidade e as principais dúbidas
O Sergas acaba de notificar cambios nos concellos que teñen máximas restriccións e continuarán co peche perimetral en solitario. A lista inicial de 17 concellos redúcese a dez.
Deixan de estar no nivel 1 os concellos de Carballo, Malpica, Cabanas , Aranga, Catoira, Larouco, A Pontenova e Xunqueira de Espadanedo. Pola contra, entra nese nivel 1 de restricións máximas o concello coruñés de Curtis. A listaxe publicarase no Diario Oficial de Galicia o xoves e entrará en vigor o venres.
Polo tanto, unha decena de concellos quedan en peche perimetral. Ademais, permítese a mobilidade dentro do territorio galego, de xeito que os cidadáns poderán acudir a aqueles municipios que se atopen no mesmo rango de incidencia.
En terceiro lugar, hai unha dobre restrición para as áreas sanitarias de Ferrol, A Coruña e Pontevedra-O Salnés. Así, por un lado estas áreas quedan con peche perimetral interno, é dicir, só se permite a mobilidade dentro dese ámbito. E por outro, os cidadáns dos concellos só poderán moverse a concellos coa mesma situación epidemiolóxica; no caso de que estean no máximo nivel de restricións, non poderán cruzar o seu perímetro municipal.
Galicia reabrirá a hostalería de modo parcial a partir do próximo venres, tras a publicación este mércores no Diario Oficial; permitirase a mobilidade entre localidades que estean no mesmo nivel de incidencia e tamén serán posibles as reunións entre non conviventes, cun máximo de catro persoas, en función das zonas e da súa evolución epidemiolóxica.
As áreas de Santiago, Lugo, Vigo e Ourense, cunha incidencia acumulada menor, beneficiaranse dun maior aperturismo. Nas da Coruña, Ferrol e Pontevedra, haberá menor permisividade, e unha decena dos 313 concellos seguirán baixo máximas restricións, sen posibilidade de movemento entre municipios, polos malos datos que presentan neste momento e que fan inviable outra opción.
A) MÁXIMAS RESTRICIÓNS: A hostalería permanecerá pechada salvo para recollida e envío a domicilio. As reunións só se permíten entre conviventes. Mantense o peche perimetral individual. As instalacións deportivas permanecerán pechadas e pódese practicar deporte individualmente ou con persoas con que se comparta teito. Neste caso estarán A Peroxa, A Gudiña, Corcubión, Curtis, Ponteceso, Moeche, Toques, O Corgo, Guitiriz e Gomesende.
B) RESTRICIÓNS MEDIAS: A hostalería abrirá ata as seis da tarde e unicamente poderá operar coas terrazas e unha ocupación do 50 %. As reunións entre non conviventes estarán autorizadas para un máximo de catro persoas, o mesmo que facer deporte. As instalacións deportivas volverán abrir as súas portas. Estará permitida a mobilidade entre concellos que estean neste nivel.
As áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra gozarán unicamente de mobilidade interna (apertura perimetral dentro da área sanitaria); no caso de Santiago, Lugo e Ourense, os seus habitantes poderán circular dentro desas áreas e tamén desprazarse aos concellos que estean no segundo nivel pertencentes ás tres anteriores.
C) RESTRICIÓNS LEVES: O resto de concellos. A hostalería abre ata as seis da tarde cun 30 % de ocupación en interior e 50 % en terraza. As instalacións deportivas poderán abrir e consentiranse as reunións de ata catro non conviventes.
O caso de Cabanas
Con 29 novos casos nos últimos 14 días, Cabanas rexistrou este martes unha incidencia acumulada de 853 casos por 100.000 habitantes. Provisionalmente, este luns o concello foi incluido no máximo nivel de restricións, que a partir do venres o ía manter illado do resto dos municipios da contorna.
No concello solicitaron ás autoridades sanitarias a revisión do seu caso para igualarse ao resto de mnicipios da comarca. Na tarde deste martes as autoriades sanitarias confirmaron o paso de Cabanas ao nivel intermedio de restricións.