CRTVG

Buscar

Sanidade fala de transmisión comunitaria na Coruña, con 99 novos positivos nun día

Publicado o 13/08/2020 20:39

Nas últimas vintecatro horas a área sanitaria da Coruña sumou 99 casos novos de coronavirus. Sanidade confirma que xa non hai que falar só de gromos, senón que existe certo grao de transmisión comunitaria.

Os casos activos son xa 544 e soben a 28 as persoas hospitalizadas. Non hai ninguén na UCI en boa medida porque baixou moito a media de idade das persoas ingresadas. Na actualidade é de 56 anos, pero fontes sanitarias confirman que na Coruña hai hospitalizados con pneumonía provocada pola covid-19 xente de 40, 30 e incluso 26 anos.

A situación contraria á da Coruña está na área sanitaria de Ferrol con só 29 casos, aínda que se multiplicaron por catro desde o luns por dous gromos. O máis importante, o vinculado a un campamento de verán en Cerdido, unha noticia que causou preocupación entre os veciños.

Tras realizar máis dun cento de probas PCR, o gromo de Cerdido ten 14 casos activos, pero continúa o rastrexo de contactos. Todos os afectados están na casa, con síntomas leves ou asintomáticos.

Noticias web

13/08/2020