CRTVG

Buscar

Sanidade realizará un "cribado exhaustivo" aos colectivos "máis expostos á Covid-19" na Mariña

Publicado o 13/07/2020 16:26
Sanidade realizará un "cribado exhaustivo" aos colectivos "máis expostos á Covid-19" na Mariña

A Consellería de Sanidade realizará un "cribado exhaustivo" aos colectivos "máis expostos á Covid-19" na comarca luguesa da Mariña, entre os que se inclúen persoal sanitario e corpos de Policía Local.

Así llelo trasladou este luns o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, aos alcaldes da Mariña este luns nunha reunión telemática, en que lles explicou que realizará un "estudo epidemiolóxico completo aos colectivos profesionais máis expostos á Covid-19 nos 14 concellos que conforman o distrito sanitario da Mariña", informou o departamento sanitario da Xunta.

Deste xeito, entre o conxunto de profesionais aos que se lle realizarán as probas epidemiolóxicas inclúese o persoal sanitario dos centros de saúde, PAC e hospitais da comarca, así como os corpos de Policía Local.   

A eles súmanse outros colectivos "vulnerables", puntualizou a Xunta, como o Servizo de Atención no Fogar, os membros de Protección Civil, o persoal de socorrismo ou os traballadores municipais e membros da corporación local.

Ademais, na reunión que diariamente manteñen responsables de Sanidade cos alcaldes da Mariña tras o brote con 184 casos activos ata este luns, Almuíña comunicoulles que se realizará este "cribado exhaustivo" de profesionais e colectivos vulnerables "para optimizar a detección precoz de posibles novos casos de persoas infectadas por coronavirus", concretou Sanidade.

Tamén, explicou Sanidade, que a ruta marcado pola consellería desenvolverase dun modo "progresivo" durante "as próximas datas" e que se "priorizará a realización das probas segundo a situación epidemiolóxica de cada concello".

Inicio en Burela, concello máis afectado polo broto

Por iso, Burela, municipio que concentra o maior número de casos activos neste broto e onde está restrinxida a mobilidade soamente ao termo municipal, será onde se inicie este cribado dos colectivos máis expostos á Covid-19.

Despois continuará co conxunto de concellos costeiros, onde existe algún tipo de restrición sanitaria (mobilidade entre eles), e finalmente testarase o persoal do conxunto de localidade do interior desta comarca, que xa non contan con restricións de mobilidade.

Sanidade destacou que, ademais, os alcaldes da Mariña terán a posibilidade de estender a realización das probas a outros colectivos dos seus concellos, como membros de Protección Civil, persoal de socorrismo e traballadores municipais e membros da corporación local.

Para solicitar a realización das probas destes colectivos, as corporacións locais deberán remitirlle unha listaxe á Consellería de Sanidade, explicou este departamento, en que se especifiquen os datos "da totalidade das persoas ás que se lle van a facer as probas".