CRTVG

Buscar

Sanidade reabre A Mariña agás o concello de Burela

Publicado o 16/07/2020 08:36

• En 13 concellos xa non hai restricións de mobilidade

• Mantéñense as restricións xerais canto ao límite de ocupación

 

Sanidade reabriu toda a comarca da Mariña salvo Burela, onde empezou o foco do brote de coronavirus e, polo de agora, persiste o illamento.

Así o anunciaron este mércores o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e membros do comité clínico, que explicaron que "ata principios da próxima semana" só Burela terá restrinxida a mobilidade ao seu propio termo municipal, mentres que a considerada "zona intermedia", que abarca Ribadeo, Xove, Cervo, Foz, Viveiro e Barreiros, recupera a mobilidade total como en calquera outro municipio galego.

Polo tanto, dende as doce da noite deste mércores, 13 dos 14 municipios da Mariña xa poden recibir turistas e os residentes poden saír ao exterior.

Na comarca continúan baixando os casos activos. O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, explicou que o brote rexistra este mércores 151 casos activos, 12 menos ca onte, e conta con 534 contactos en seguimento, que supoñen 50 menos que este martes.   

Con todo, Sanidade aclarou que todos os municipios da Mariña manterán as restricións xerais no tocante ao límite de ocupación, con reunións de ata dez persoas non conviventes nos domicilios, e o peche ás doce da  noite dos establecementos de hostalería.

Así mesmo, as autoridades sanitarias incidiron en que a práctica do botellón está prohibida.

Mentres, no hospital continúan realizándose probas PCR aos  contactos dos positivos e as persoas que se incorporan aos seus postos de traballo.