Sanidade estuda pechar a hostalería nos concellos con alta incidencia do coronavirus
Na Consellería de Sanidade cren que nos próximos días van seguir aflorando os contaxios producidos durante as festas do Nadal. E preocupa especialmente que mentres se van detectando, as persoas asintomáticas sigan contaxiando. Por iso, o conselleiro insiste en que é urxente limitar a mobilidade e os contactos sociais.
Nunha entrevista na Radio Galega, Julio García Comesaña aposta polo chamado 'modelo Carballiño', que implica que bares e restaurantes só poidan servir a domicilio.
"Sabemos como funciona ese modelo, sabemos os resultados, e ese modelo ou algunha variante que estamos a analizar sería o que utilizariamos", indicou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.
En Ourense, A Coruña e Santiago a hostalería ten que pechar ás seis da tarde. E ademais na capital de Galicia só poden abrir as terrazas. Sanidade decidirá o martes a posta en marcha de medidas globais para o sector.
"Non, non está descartada esa posibilidade. En todo caso, nós sempre traballamos de xeito cirúrxico en zonas concretas", indicou o conselleiro. "Realmente en Santiago estaba xustificada unha decisión dese tipo, e non descartamos algunha outra, porque temos que traballar para reducir esa mobilidade", engadiu.
Tamén preocupa Ferrol, onde a situación non mellora a pesar de que os bares xa levan tempo pechando a media tarde. Segundo o conselleiro, a opción de cerrar perimetralmente os concellos segue sobre a mesa. Ademais, confirmou que a finais de mes terminará a campaña de vacinación da primeira dose nas residencias. Á espera da segunda, xa poderán comezar a vacinarse os sanitarios que loitan en primeira liña contra o virus. Esta semana haberá unha reunión cos representantes sindicais.
"Imos validar con eles a nosa proposta, que estaba prevista no plan de vacinación, de cales serían os vindeiros grupos. Unha vez validado o plan, poñerémolo en macha canto antes para empezar cos profesionais sanitarios", explicou Comesaña.
Eles serán os primeiros destinatarios da nova vacina de Moderna. O 18 de xaneiro chegarán 1.800 doses das 30.000 comprometidas para as primeiras seis semanas.