CRTVG

Buscar

O Goberno prepara a desescalada coas comunidades pero advirte de que será baixo o seu criterio

Publicado o 24/04/2020 20:22

A das Canarias é a segunda comunidade con menos infectados por cada 100.000 habitantes. Propón un plan de desescalada en catro semanas, comezando xa o luns con saídas alternas da poboación dependendo de se o seu enderezo é par ou impar. Tamén piden a apertura de comercios e salóns de peiteado. Coinciden aquí co País Vasco, que reclama ademais abrir museos e teatros. Propoñen tamén a volta ás aulas a partir do 15 de maio en 4º de ESO e bacharelato. A Comunidade Valenciana reclama levantar o confinamento nas vilas de menos de 1.000 habitantes e Andalucía cre que se poderían reabrir as praias con controis de afluencia. Cataluña e Euskadi piden xestionar as súas desescaladas, un punto que o Goberno non considera.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, asegura que "vai ser o Goberno quen, coa participación das comunidades autónomas, fixe un marco cuns criterios, uns marcadores que nos van permitir, en función da situación epidemiolóxica, ir vendo como podemos ir transitando cara a esa nova normalidade".

Os expertos aventuran catro grandes marcadores: a porcentaxe de enfermos hospitalizados, o número de camas UCI dispoñibles, o crecemento de casos novos e, sobre todo, que a taxa de contaxio sexa inferior a un por infectado. O executivo non desbota, ademais, relaxar o confinamento por provincias ou comarcas.

Noticias web

24/04/2020