CRTVG

Buscar

Sanidade pide prudencia na desescalada para evitar "gromos explosivos"

Publicado o 26/02/2021 20:23
García Comesaña apela a non pretender facer en dous días o que non fixemos en dous meses

Galicia vive o primeiro alivio das restricións. Pero a desescalada ten pouco que ver coa que se fixo despois da primeira vaga. A diferenza daquela, ainda queda xente nas UCI e a ocupacion hospitalaria, a pesar da melloría, segue elevada nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra. Canda este hai outro factor que obriga a facer unha desescalada mais gradual, progresiva e diferenciada por zonas.

 "O tema das variantes supostamente, ou demostradamente nalgún caso, máis explosivas obríganos a ser dobremente prudentes. Calquera gromo explosivo xa intuímos que pode ter consecuencias maiores no número de contaxios e por suposto tamén -agardemos que non- nas necesidades de hospitalización e nas unidades de críticos". asegurou o conselleiro de Sanidade.

Unha prudencia que García Comesaña lles pide tamén aos cidadás: "Hai que intentar non facer en dous días todo o que non puidemos facer en semanas ou en meses porque todos sabemos que sería contraproducente"

Sanidade manterá o seguimento diario dos datos da covid con especial atención na incidencia a sete días para anticiparse e tomar medidas ante unha posible explosión de contaxios. Os expertos que asesoran a Xunta revisarán as recomendacións en función da situación epidemiolóxica todos os martes e venres.
 

Noticias web

26/02/2021