Plan do Goberno para a Semana Santa: comunidades pechadas, toque de recollida e reunións limitadas
• Feijóo pide prudencia, agardar a tomar a decisión e non prohibir o regreso dos estudantes
A Comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade propón que as comunidades autónomas manteñan os seus peches perimetrais entre o 26 de marzo e o 9 de abril para limitar a mobilidade durante as vacacións de Semana Santa e evitar unha repunta da pandemia de coronavirus.
Segundo o documento, tamén se recomenda especificamente que non regresen aos domicilios familiares os estudantes universitarios que residan durante o curso académico noutra comunidade autónoma ou país e que "se eviten todas as viaxes que non sexan necesarias".
Entre as propostas, que serán trasladadas ás comunidades a fin de conseguir unha resposta homoxénea de medidas para a Semana Santa, tamén está manter o toque de queda entre as 22:00 e as 6:00 horas, e limitar as reunións en espazos públicos ou privados a un máximo de catro a seis persoas.
O documento insiste en que as comunidades non baixen o nivel de alerta desde as dúas semanas previas ao comezo da Semana Santa "aínda que os indicadores sexan favorables" e, por iso, pídese manter as medidas restritivas establecidas nese momento.
A Comisión de Saúde Pública expón no documento a non celebración de eventos masivos "de calquera índole" que impliquen aglomeración ou concentración de persoas.
As cerimonias en espazos pechados seguirán as normas de aforo e outras medidas establecidas no documento de 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión de covid-19' segundo o nivel de alerta de cada comunidade autónoma.
Ademais, desaconséllase expresamente a celebración de encontros sociais nos domicilios ou noutros espazos pechados con non conviventes.
Sanidade argumenta estas propostas no feito de que en Semana Santa aínda non se inmunizou coa vacina a unha proporción suficiente da poboación para conseguir unha redución significativa do risco.
Por iso, di, as medidas non farmacolóxicas de control da transmisión seguirán sendo as principais medidas de saúde pública para evitar unha nova onda epidémica.
Feijóo avoga por ser prudentes e decidir uns días antes
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou este xoves pola prudencia á hora de tomar decisións sobre a Semana Santa e anuncialas uns días antes, xa que aínda faltan, polo menos, "dous ciclos epidemiolóxicos", de entre sete e dez días, antes do comezo dese período.
Tras o Consello de la Xunta, Núñez Feijóo asegurou que ao 4 de marzo é moi precipitado decidir se unha comunidade debe estar aberta ou pechada a finais de mes, xa que en tres ou catro semanas Galicia, por exemplo, baixou de máis de 20.000 casos activos por covid-19 a menos de 4.500.
Con todo, sinalou que "en caso de dúbida" el optaría por ser "conservador" e por manter as restricións que houbese en cada comunidade no momento de tomar a decisión.
DIRECTO I
— G24 (@G24Noticias) March 4, 2021
Sobre as medidas para a Semana Santa, Feijóo di que debe actuarse co criterio de prudencia, en caso de dúbida adoptando a postura máis conservadora, pero que se debe agardar a coñecer a situación epidemiolóxica
Podes seguir a intervención https://t.co/80uV8rdj2R pic.twitter.com/h2HpZM7lS3
Durante a súa intervención, ademais, mostrou o seu rexeitamento á recomendación do Ministerio de Sanidade, da que dixo non ter coñecemento, de que os universitarios que residen fóra da comunidade autónoma durante o curso non poidan regresar durante a Semana Santa. "Non contemplamos a prohibición de que estudantes galegos, que residen en Galicia, non poidan volver. Para eles sempre está aberta a comunidade", indicou o titular da Xunta.
Núñez Feijóo asegurou que Galicia e outras comunidades propuxeron ao Ministerio que agarde á hora de tomar unha decisión, dado que decidir xa o que pode abrir ou pechar parécelle actuar de modo precipitado. Tamén agradeceu ao Ministerio que cambiase, "cun xiro de 180 graos, as súas propostas" respecto a o nadal, algo que lle parece "acertado".
Respecto á mobilidade no interior de Galicia, tamén apostou pola prudencia, aínda que se continúan os datos positivos a previsión é que será "altísima" e "non se se total", engadiu, aínda que ata a última semana de marzo "non o imos a poder anunciar".