Sanidade permitirá a mobilidade para xuntanzas familiares o Día de Reis
• Os desprazamentos poderán facerse entre as 6 e as 23 do día 6
• Narón pasa a nivel medio de restricións e deixa de compartir peche con Ferrol | Carnota e As Pontes recuperan a mobilidade
• Aumentarán as restricións o venres na Coruña e Santiago, se non melloran | O peche perimetral de Galicia manterase ata o día 11
O Día de Reis estará permitida a mobilidade para xuntanzas familiares, dende as 6:00 ata as 23:00, é dicir, o horario permitido respectando o toque de queda. Así o decidiu a Consellería de Sanidade tras reunirse este luns co comité clínico para revisar os datos de incidencia das últimas semanas.
En calquera caso, malia a relaxación de medidas no que respecta á mobilidade para Reis, Julio García Comesaña insistiu en que a "clara" recomendación da Consellería volverá ser "pasar as festas cos núcleos de convivencia".
O peche da comunidade manterase ata o día 11.
Cambios nos niveis de restricións
No que respecta ás restricións e peches perimetrais, o comité clínico rebaixa ao nivel básico as restricións nos concellos de Carnota e As Pontes. Deste xeito, suprímenselles as limitacións de mobilidade que tiñan ata o de agora.
O comité clínico decidiu tamén baixar o concello de Narón ao nivel medio, mentres que se manteñen os niveis actuais de restricións existentes a día de hoxe no resto dos concellos da comunidade. Deste xeito, Narón e Ferrol xa non formarían parte da mesma zona perimetrada ou améndoa, como a denomina Sanidade.
As comarcas da Coruña e Santiago, no foco
Os especialistas que conforman o comité decidiron manter igual a situación nas cidades, de maneira que hai restricións de mobilidade en todas as principais, agás en Lugo e Ourense.
A mala evolución da pandemia nas cidades da Coruña e de Santiago expándese fóra dos seus límites a pesar de estar baixo peche perimetral. Na primeira reunión do novo ano o comité clínico decidiu poñer baixo vixilancia especial aos 9 municipios da comarca da Coruña e aos 7 concellos da de Santiago.
"É imposible impedir a mobilidade. A Santiago entran cada día para traballar 40.000 persoas procedentes doutros concellos", explica o alcalde da capital, Xosé Sánchez Bugallo.
As clases en Galicia comezarán este venres
O comité clínico non fixo ningunha recomendación para atrasar o regreso ás aulas, así que se retomarán, como estaba previsto, o día 8. Desde a Consellería de Sanidade destacan que as aulas son lugares seguros.