CRTVG

Buscar

Sanidade permite xa o ocio nocturno na Mariña con restricións de ocupación

Publicado o 05/08/2020 20:57

A Consellería de Sanidade permitirá a apertura dos locais de ocio nocturno nos concellos da Mariña con restricións de ocupación. Así llelo comunicou aos alcaldes, logo da reunión co comité clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica do distrito sanitario.

Desta maneira, os locais de ocio nocturno poderán volver abrir de xeito progresivo, aínda que terán que manter a ocupación limitada ao 50% en interiores e ao 75% en terrazas, cando menos ata a semana que vén, cando se volva revisar a situación epidemiolóxica nos catorce municipios.

As modificacións entrarán en vigor esta medianoite. Segundo os últimos datos, o número de casos asociados ao gromo inicial non creceron en máis dunha semana, e os casos que aínda están activos están en corentena, illados e controlados.

Deste xeito, os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela  Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove terán dende agora que cumprir a mesma normativa que no resto de Galicia.

Cómpre insistir de novo na obrigatoriedade do emprego da máscara en todo momento, tanto en espazos abertos como en espazos pechados, poñendo especial énfase no seu uso nos locais de hosteleria, onde é obrigatoria en todo momento, agás no intre específico consumir.

Lémbrase tamén que as persoas que visiten Galicia e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.