CRTVG

Buscar

Sanidade non modificará as restricións ata que se volva reunir o martes o comité clínico

Publicado o 28/05/2021 11:13
Sanidade non modificará as restricións ata que se volva reunir o martes o comité clínico

Os concellos vanse manter sen cambios nas restricións pola covid-19 ata a próxima semana, polo menos, cando Sanidade volva a reunir o martes o comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia.

Este venres á mañá realizouse a habitiual xuntanza do subcomité clínico, tras a que se decidiu non introducir cambios nos niveis de restricións sobre os xa previstos para entrar en vigor a partir desta medianoite, e que inclúen ampliar as reunións a seis persoas en interior e dez en exterior.

En calquera xeito, eses cambios, que xa se deben aplicar este sábado, aínda están pendentes de que se ratifiquen por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e de que se publiquen no Diario Oficial de Galicia.

Desta maneira, os concellos de Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos, serán o únicos tres que queden en nivel máximo ata que se revise a súa situación a semana que vén, e nos que polo tanto o seu territorio debe estar pechado perimetralmente e a hostalería non pode abrir.

Ademais, estarán no nivel alto para as localidades de Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro.

No nivel medio estarán os municipios O Barco, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.

No resto estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, que permite a apertura dos locais de hostalería ao 50 % do aforo no seu interior e o 75 % nas terrazas.