CRTVG

Buscar

Sanidade mantén o peche perimetral das sete cidades

Publicado o 03/11/2020 22:42

• Mantén a prohibición de xuntanzas de non conviventes nas localidades en que xa estaba en vigor | O subcomité clínico reunirase o venres para analizar a evolución da pandemia | O Ministerio trata coas comunidades este mércores os confinamentos

Sanidade mantén o peche perimetral das sete cidades

Galicia manterá as medidas adoptadas o pasado venres, antes da festividade de Todos os Santos, é dicir, o confinamento perimetral das súas cidades e algúns dos municipios da contorna e mais a limitación de reunións unicamente a persoas que vivan baixo o mesmo teito. Esta medida foi ditada para unha trintena de localidades.

É a decisión adoptada na reunión do comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia co obxecto de conter a expansión do virus. O encontro dos expertos realizouse pola tarde e prolongouse durante horas. Fontes do Goberno galego indicaron á prensa que este órgano seguirá "tomando decisións nos próximos días". 

Non se agardan cambios ata o venres, cando hai prevista unha nova xuntanza do subcomité clínico para analizar a evolución da pandemia en Galicia. 

Continúan en vigor as medidas adoptadas o venres

A Xunta decidiu o pasado venres impor un confinamento perimetral das sete grandes cidades galegas e algúns municipios limítrofes e tamén do concello coruñés de Vimianzo, que se engadiu ao das comarcas ourensás de Verín e O Carballiño, co obxectivo de conter a expansión do virus. 

Así, desde as 15:00 horas do pasado venres, o 45 % da poboación galega non pode saír do seu concello e en varios municipios as reunións están limitadas a só persoas que viven baixo o mesmo teito. Ademais, continúa a prohibición de mobilidade en toda a comunidade autónoma, se non é por causa xustificada, entre as 23:00 e as 6:00 horas. O nivel dous impide as reunións sociais de máis de cinco persoas en toda Galicia.

As limitacións de entrada e saída quedaron establecidas para Santiago, Ames e Teo; para Ferrol, Narón, Fene e Neda; para A Coruña e Arteixo; para Pontevedra, Poio e Marín, e para os municipios de Vigo e de Lugo e mais para Vimianzo (A Coruña), á parte dos que xa estaban na zona de Ourense, O Carballiño e Verín.

En todo caso, as restricións aplícanse de maneira envolvente, para o grupo de concellos, e por tanto permítense os desprazamentos entre os municipios limítrofes con peche perimetral.

Xunto coas limitacións de desprazamentos, os municipios de Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda e Vimianzo pasaron ao nivel 3 de restricións e, adicionalmente, soamente pode haber neles reunións de persoas conviventes. 

Deste xeito, ata 1.225.229 do total de 2.699.499 galegos seguirán directamente confinados nas súas localidades ou as limítrofes por estas restricións, segundo as últimas cifras de poboación do Instituto Nacional de Estatística (INE), correspondentes a 2019.

Son A Coruña e Arteixo; Santiago de Compostela, Teo e Ames; Ferrol, Fene, Narón e Neda, e Vimianzo na provincia da Coruña, que teñen en conxunto un total de 555.830 habitantes. Tamén o municipio de Lugo, na provincia homónima, con 98.276.

Na provincia de Pontevedra, teñen estas restricións perimetrais Pontevedra, Poio e Marín e mais Vigo. Un total de 419.794 habitantes. Por último en Ourense, teñen delimitados os desprazamentos Ourense e Barbadás; O Carballiño, O Irixo e Boborás, e Verín, Oímbra e Vilardevós, que xa tiñan implantada esta restrición perimetral con anterioridade. Son 151.329 persoas as que residen en conxunto neses municipios.

En todas estas localidades están restrinxidos os desprazamentos que non sexan "adecuadamente xustificados" e só por motivos como asistencia a centros sanitarios, obrigacións laborais, asistencia a centros educativos, retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar e mais as viaxes por coidado de maiores, menores ou dependentes.

Tamén se permiten os desprazamentos a entidades financeiras ou de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes, ou a realización de exames ou probas oficiais inaprazables, entre outros motivos. 

Descende o ritmo de novos contaxios

Esta decisión do comité clínico prodúcese despois de que os positivos por covid−19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas apuntasen un novo descenso en Galicia, ao se detectaren outros 425 por PCR, fronte aos 597 do luns e tras superaren os 700 nas xornadas da fin de semana.

Con todo, os últimos datos dispoñibles en Galicia apuntan a que os casos activos de coronavirus subiron lixeiramente, ata os 9.376. Ademais, os pacientes con covid−19 ingresados en hospitais galegos volveron aumentar ata os 545, o cal supón 22 máis que os rexistrados o luns; deles, 79 en unidade de críticos (dous máis) e 466 noutras unidades (20 máis).

Respecto das vítimas mortais, en Galicia xa alcanzan as 951 desde o inicio da pandemia, despois de que nas últimas horas se rexistrasen sete falecementos. A xornada do luns marcara un pico, con 21 mortes de pacientes, o día con máis decesos desde que o 11 de abril houbera 23 falecidos.