CRTVG

Buscar

Sanidade limita a dez persoas as xuntanzas en toda Galicia

Publicado o 13/10/2020 21:44

Restrínxese a mobilidade no Carballiño, O Irixo e Boborás

• Verín entra en nivel tres e a comarca de Celanova en nivel dous

A Consellería de Sanidade acordou este martes limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas. Esta é unha das decisións adoptadas polo comité clínico que fai seguimento da evolución da covid−19, logo da xuntanza deste martes á tarde, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares.

Así mesmo, decidiuse restrinxir a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás. O comité, explica o Sergas, "considerou conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona".

Deste xeito, queda establecida unha mobilidade limitada ao territorio deses concellos, polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios.

Ademais, as autoridades sanitarias decidiron elevar ao nivel tres de restrición o concello de Verín, no que seguen as restricións de xuntanzas a grupos de conviventes.  

Entra en nivel dous a comarca de Celanova. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación das ocupacións ao 50 % nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería —onde ademais estará prohibido o consumo en barra—, e tamén en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado, entre outros, mais a redución de ocupacións en celebracións, velorios e lugares de culto. 

Estas medidas entrarán en vigor o xoves, ás 00:00 horas, logo de que este mércores se publiquen no Diario Oficial de Galicia.