CRTVG

Buscar

Este é o mapa de restricións que entra en vigor hoxe

Publicado o 30/04/2021 10:30

• Carballeda de Valdeorras, Cualedro e Vilanova de Arousa seguen no nivel máximo de restricións a partir do venres

Este é o mapa de restricións que entra en vigor hoxe

Os municipios do Grove e da Pobra do Caramiñal sairon esta medianoite do grupo de concellos con máximas restricións pola pandemia, en que se manterán Carballeda de Valdeorras, Cualedro e Vilanova de Arousa. Así o acordou o comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia de covid−19 na súa reunión deste martes.

Deste xeito, O Grove e A Pobra, localidades baixo as máximas restricións desde o 9 de abril, baixan ao nivel alto e con iso quedan de novo abertas perimetralmente e poderán retomar a súa actividade os negocios de hostalaría, aínda que co servizo limitado ás terrazas e cunha ocupación do 50 %.

Por contra, as máximas restricións continúan imperando en Carballeda de Valdeorras, Cualedro e Vilanova de Arousa, únicos tres municipios dos que os seus veciños non poden saír salvo causas xustificadas e nos que a hostalaría permanece pechada e están prohibidas as reunións de non convivientes.

No segundo chanzo de restricións, ademais da Pobra e do Grove, atópanse Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, Ribeira, Cambre e Coristanco.

Ademais, case 30 concellos quedan en nivel medio, isto é, coa ocupación da hostalaría reducida ao 30 % en interiores e ao 50 % en terrazas. Entre estes municipios está Vigo, a única das sete cidades galegas neste nivel de restricións. Xunto a Vigo atópanse Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares.

O resto de municipios galegos atópanse en nivel medio baixo. Os cambios impostos pola Consellería de Sanidade este martes entraron en funcionamento a patir das 00:00 horas deste venres, 30 de abril.