CRTVG

Buscar

Sanidade lembra a importancia de vacinarse contra a gripe

Publicado o 28/09/2020 14:41

Este xesto será este ano máis importante ca nunca. A campaña de vacinación da gripe comeza o 5 de outubro, en plena segunda vaga da covid-19. As autoridades sanitarias temen que a coincidencia da gripe e do coronavirus a un tempo repercuta na saúde das persoas e colapsen o sistema sanitario. Por iso, un dos obxectivos da campaña é "evitar a coexistencia dos dous virus", explica Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública.

Cun investimento de 3,2 millóns de euros, Galicia dispón este ano dunhas 865.000 doses, duascentas mil máis que na campaña anterior. Nos maiores de 65 e no persoal sanitario, o Sergas pretende acadar unha cobertura do 75 por cento. E do 60 nas mulleres embarazadas e persoas con condicións de risco. Son os grupos diana, os colectivos máis vulnerables.

Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria, di que "estamos a tempo de evitar que as persoas acudan aos servizos de urxencia e teñan que ser ingresadas pola gripe".

Por primeira vez, Galicia empregará unha vacina de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias. O Sergas lembra a importancia de concertar cita previa nos 900 centros de vacinación. Ademais, enviaranse sms masivos de recordo á poboación entre 65 e 74 anos. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro.

Noticias web

28/09/2020