CRTVG

Buscar

Sanidade insta as comunidades a endurecer as medidas para o Nadal

Publicado o 17/12/2020 08:47

Conta atrás para o Nadal e a situación epidemiolóxica en España vai a peor cada día, aínda que, é certo, non dun xeito homoxéneo. Está peor nuns territorios ca noutros. A incidencia xa supera os 200 casos por cen mil habitantes.

A relaxación das medidas por parte das comunidades autónomas nas últimas semanas trouxo consigo un aumento dos contactos sociais e da mobilidade. Iso é o que teme Sanidade que suceda no Nadal.

Por iso, o ministro Illa instou os gobernos rexionais reunidos no Consello Interterritorial a tomar medidas máis estritas se os datos empeoran, reducir o número de comensais para as festas ou anticipar o toque de queda.

O ministro insta as comunidades a tomar decisións rápidas e contundentes. Hai especial preocupación por oito autonomías: Madrid, Euskadi, as Baleares, as Canarias, Castela-A Mancha, Valencia, Murcia e Navarra. 

No caso da comunidade madrileña, a presidenta Isabel Díaz Ayuso vai anunciar mañá novas medidas que se centrarán en restrinxir a mobilidade só nas áreas sanitarias máis afectadas. 

Ayuso deixa claro que non vai limitar as viaxes para ver a familia a só os días sinalados nin vai reducir o número de persoas que se poden reunir nin reducir o toque de queda. 

Tamén a Junta de Andalucía estudará hoxe como será o Nadal. Os datos empeoran cada día e o conselleiro de Saúde xa advertiu que a prioridade é salvar vidas e endurecerán as restricións se fai falla para frear a expansión do virus.

Nas illas Canarias, é preocupante a evolución dos casos en Tenerife nos últimos días. O Goberno canario anunciou xa que partir de hoxe e durante 15 días restrínxense as saídas e entradas a esta illa, imponse o toque de queda ás dez da noite e restrínxense as comidas de Nadal a seis persoas. 

Os gobernos de Euskadi ou Murcia, que experimentaron un empeoramento da evolución nas últimas semanas, anunciaron que tamén endurecerán as medidas restritivas se as cousas seguen empeorando de aquí ao Nadal. 

 

Noticias web

17/12/2020