CRTVG

Buscar

Seis concellos galegos estarán no nivel máximo de restricións a partir do venres

Publicado o 10/03/2021 14:11

• Paradela, Vilardevós e Pontecesures entran no nivel máximo, con Boborás, A Mezquita e A Pobra do Brollón

• Soutomaior baixa ao nivel alto, xunto a outros 10 municipios

• Este mércores revisouse a situación de Mos e Cambados e permanecerán en nivel medio

"Estamos nunha boa situación epidemiolóxica que nos fai ser optimistas" asegurou o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico. Esa situación concrétase nunha incidencia acumulada 7 días que se sitúa en 37,12 e a 14 días, en 90,87, segundo explicou a doutora Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública.  "Ningunha área sanitaria presenta nestes momentos un valor por riba dos 250 casos por cen mil habitantes, nin superiores a cen casos a sete días", salientou Durán. 

Tras esa reunión a Xunta acordou que os municipios de Paradela, Vilardevós e Pontecesures se incorporen, desde o vindeiro venres, á listaxe de municipios coas máximas restricións para tentar frear a propagación do coronavirus, e abandona este nivel o concello pontevedrés de Soutomaior.

A listaxe de municipios co máximo nivel de restricións complétase cos ourensáns de Boborás e A Mezquita e o lucense da Pobra do Brollón, onde o peche perimetral xa estaba vixente desde o pasado venres.

Neste seis municipios están prohibidas as reunións de non conviventes. Tampouco está permitida a mobilidade máis alá do concello. A hostalaría debe permanecer pechada, salvo o servizo de recollida e a domicilio.

Segundo Durán Parrondo, no caso de Vilardevós e Pontecesures, tómase a decisión de incluílos entre os de nivel máximo debido a que a súa incidencia a 14 días non supera os 500, a incidencia a 7 días é superior a 250, e "a evolución non é boa"

Concellos en nivel alto

Segundo o acordado polo comité clínico na súa reunión deste martes, Soutomaior pasa do nivel máximo ao alto de restricións, xunto a outros 10 municipios, que son os pontevedreses de Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, os lucenses de Guitiriz, Lourenzá e Chantada e os coruñeses de Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño, e Sobrado.

Os seus habitantes só poderán moverse entre concellos deste mesmo nivel e poderán reunirse cun máximo de catro non conviventes. O interior dos locais de hostalaría debe permanecer pechados, e poden abrir as terrazas cun 50 % de ocupación ata as 18:00 horas.

Revisión da situación de Mos e Cambados

Aínda que Mos e Cambados foron incluídos este martes á noite, despois da reunión do comité clínico, entre os concellos que se sitúan no nivel alto de restricións, tras a revisión que realizaron este mércores á mañá, Sanidade decidiu que deben estar no nivel medio.

O resto dos concellos galegos queda nese terceiro nivel, con restricións de carácter medio que permiten unha ocupacón do 30 % no interior de bares, restaurantes e cafetarías e do 50 % nas terrazas, tamén ata as 18:00 horas. Ademais, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas.

Tests nas farmacias da Coruña

A melloría tamén é significativa nas sete grandes cidades, pero preocupa a área metropolitana da Coruña. Non logra baixar ao mesmo nivel co resto e vaise facer un esforzo diagnóstico na busca de casos na cidade. "Trataremos de pechar co Colexio de Farmacéuticos a súa incorporación aos tests de saliva para recoller nas oficinas de farmacia. E nestes días tamén porase en marcha un cribado masivo na cidade da Coruña con máis de 153.000 mostras", dixo García Comesaña. Por este movito vaise insistir nos cribados, e na Coruña vaise realizar nos próximos días un "con máis de 153.00 mostras".

Recupérase a actividade cirúrxica

Todos os hospitais están xa non nivel 1 de continxencia agás as unidades de críticos de Pontevedra que se manteñen en nivel 2. E iso permite recuperar a atención cirúrxica.  "A reprogramación que se fixera no seu momento recuperouse totalmente cunha actividade cirúrxica do 100% en todas as áreas sanitarias", explicou  José Flores, xerente do Sergas

As medidas entrarán en vigor na medianoite deste venres 12 de marzo, e entre elas tamén se inclúe a recuperación das clases de instrumentos de vento e canto e a reapertura dos albergues, aos que se lles aplicarán as restricións propias dos establecementos hoteleiros, e tamén as actividades de turismo activo, coa limitación a catro persoas (o guía ou monitor, e tres turistas).