CRTVG

Buscar

Sanidade informa de 39 mortos nos últimos sete días, pero o total só aumenta un

Publicado o 27/05/2020 17:16

O Ministerio de Sanidade notificou este mércores 39 mortes por coronavirus, que suman un total de 27.118 desde que comezou a pandemia, ademais, os contaxios nas últimas 24 horas son 231, 37 máis que onte e a cifra total ascende a 236.769.

Co novo sistema, a notificación de falecidos este mércores, que toma en consideración a data de defunción dos últimos 7 días, é de 39. Con todo, a cifra total de 27.118 mortos implica unha variación tan só de 1 falecido se se compara co total facilitado onte que foi de 27.117.

 

Das 39 mortes notificadas:

Cataluña 9

Galicia 6

Madrid 6

A Rioxa 5

Castela e León 4

Estremadura 3

Castela-A Mancha 2

Aragón 1

Canarias 1

Comunidade Valenciana 1

Murcia 1

Os novos casos diagnosticados nas últimas 24 horas foron 231, 37 máis que os contabilizados onte, e a cifra global facilitada hoxe por Sanidade ascende a 236.769. Con todo, este dato tamén se está axustando debido a que onte o total era de 236.259, e a diferenza é de 510.

Nas últimas 24 horas producíronse sobre todo diagnósticos en Cataluña (93) e Madrid (81), séguenlles Aragón (15), Castela e León (9), Navarra (7), Comunidade Valenciana (6), Baleares e País Vasco (con 5 cada unha), Andalucía (4), Canarias (3), Galicia (2) e Murcia (1).

A nova estatística inclúe os diagnosticados no últimos sete días, que son 3.007, cunha incidencia acumulada de 6,39; tamén dos últimos 14 días, que son 6.863. Así mesmo, reflicte os casos diagnosticados con data de inicio de síntomas nos últimos 14 días (974) e no últimos sete (199).

En canto aos pacientes que precisaron hospitalización nos últimos 7 días, foron 283 e o total é de 123.657. As comunidades con máis hospitalizados son Madrid con 88, Cataluña con 54, Castela e León con 27 e Castela-A Mancha con 22.

Os casos totais que ingresaron na UCI nos últimos 7 días son 13: tres en Madrid, os mesmos que en Castela-A Mancha, dúas en Andalucía e outros tantos en Aragón, ademais, dun en Cataluña, Comunidade Valenciana e Galicia.

Simón advirte que un foco local de contaxios pode producir un rebrote en toda España

Sanidade asegura que os catro focos de coronavirus detectados en Lleida, Tenerife e Murcia están baixo control. Pero pide non baixar a garda. Di que polo menos nun dos casos se produciu o contaxio de grupo por non gardar o distanciamento social nunha festa con máis persoas das permitidas.

"Temos que ser moi conscientes de que un só brote podería ser o inicio doutra onda epidémica a nivel nacional e creo que co impacto que vimos na primeira, non nos alegraría nada que se producira unha segunda", dixo Fernando Simón.

Sobre o aumento da mortalidade en España entre marzo e maio, Simón asegura que se está investigando. Non se descarta que xunto ao incremento causado pola COVID-19, faleceran moitas persoas polo agravamento de patoloxias que xa tiñan e que non acudiron ao hospital por medo ao contaxio.


Noticias web

27/05/2020