CRTVG

Buscar

Sanidade incorpora 283 novas mortes pola Covid-19, 35 delas producíronse nos últimos sete días

Publicado o 26/05/2020 17:20

• Dez comunidades non notificaron falecidos nos últimos sete días

O Ministerio de Sanidade incorpora 283 novas mortes pola Covid-19, das cales 35 corresponden aos últimos sete días. En total xa van 27.117 falecementos en España e notificáronse 236.259 casos da infección, deles 194 diagnosticados nas últimas 24 horas e 3.222 nos últimos 7 días.

"Estes 283 son falecidos que inclúen os 35 diagnosticados con data de inicios nos últimos sete días que se identificaron onte e casos antigos que había que adxudicarlles a data de defunción e que inicialmente se notificaron como falecidos pero sen ter unha data de defunción onde poder situalos", explicou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón. 

Simón advirte que ese proceso de axuste de datos vai seguir varios días, pero insiste en que a evolución da pandemia é favorable. Hai dez comunidades que non rexistaron ningún falecido en sete días, e outras cinco que comunicaron unha ou dúas mortes.

As comunidades autónomas que nestes días non rexistraron ningún morto por Covid-19 son Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Ceuta, Melilla, Navarra e o País Vasco. 

Con respecto ao minuto de silencio que se celebrará este mércores ás 12.00 horas, primeiro día de loito oficial polas vítimas do coronavirus, Simón pediu á poboación que, aínda que é unha homenaxe "ben merecida", manteñan as medidas de seguridade, especialmente o distanciamento físico e o uso das máscaras.

"Temos que evitar riscos de contaxio. Hai que facer un esforzo de responsabilidade pero non só mañá, senón en todo o que nos queda ata que cheguemos á nova normalidade e, posteriormente, á normalidade á que estabamos afeitos", salientou.

Este martes, das 35 persoas falecidas nos últimos sete días, dous corresponden a Castela-A Mancha, catro a Castela e León, nove a Cataluña, dous á Comunidade Valenciana, dúas a Estremadura, unha a Galicia, seis a Madrid, unha a Murcia e 8 á Rioxa.

Dos 194 casos diagnosticados nas últimas 24 horas:

Andalucía 1 (12.612 en total)

Castela-A Mancha 2 (16.992)

Canarias 6 (2.323)

Castela e León 4 (18.591)

Cataluña 115 (57.569)

Comunidade Valenciana 8 (11.089)

Estremadura 2 (2.955)

Galicia 3 (9.108)

Madrid 43 (68.066)

Navarra 5 (5.199)

País Vasco 2 (13.486) 

A Rioxa 3 (4.044).

En Aragón xa se diagnosticaron con Covid-19 5.600 persoas, en Asturias 2.399, en Baleares 2.111, en Cantabria 2.283, en Ceuta 124, en Melilla 121 e en Murcia 1.587.

En canto ás persoas que foron hospitalizadas por Covid-19 desde que comezou a pandemia, o informe de Sanidade reflicte que, por agora, foron 123.182, das que 256 ingresaron nos últimos 7 días.

Do mesmo xeito, 11.364 pacientes foron ingresados nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI), 12 no últimos sete días, dos cales catro foron en Andalucía, dous en Aragón, unha en Canarias, tres en Castela-A Mancha, unha na Comunidade Valenciana e outra en Melilla.