CRTVG

Buscar

Sanidade impón restricións en Vilagarcía e no Milladoiro e amplíaas en Ourense cidade

Publicado o 23/09/2020 16:25

• No Milladoiro e en Vilagarcía aplicaranse as limitacións xerais

• As restricións reforzadas esténdense a todo o barrio do Couto

• Consulta no DOG as medidas decretadas por Sanidade

• Detectados gromos no persoal sanitario en Ourense e Verín

O comité clínico que asesora a Xunta en medidas para previr a expansión da covid−19 decidiu impoñer as medidas restritivas vixentes en varios municipios galegos ao concello de Vilagarcía, estendelas á zona do Milladoiro, na contorna de Santiago de Compostela, e implantar as restricións especiais do barrio do Couto, en Ourense, a outras rúas da cidade.

Así, desde esta medianoite, a cidade de Ourense verá ampliada a súa área de restricións especiais, xa vixentes nunha parte do barrio do Couto (concretamente nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal).

Estas medidas de maior intensidade, que no seu día tamén afectaron ao barrio lucense da Milagrosa e ao municipio de Arteixo, implican (ademais das restricións xenéricas) a limitación de reunións privadas ou na rúa a un máximo de cinco persoas, que tamén é o grupo máximo que se pode atender en negocios de hostalaría. Cafetarías e bares non poden servir no interior.

Tras a reunión do comité clínico, estas medidas implantaranse tamén no espazo delimitado polas rúas Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), Irmáns Xesta, avenida de Portugal, Camiño Lobisome, Salto do Can, Carballo, Sobreira e a nacional 525 (desde o cruzamento coa rúa Sobreira ata a Ribeira Sacra). Tamén afectarán desde a avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana.

Medidas xerais

Canto ás medidas xerais, o comité decidiu incluír Vilagarcía entre os concellos con restricións vixentes, e tamén a zona do Milladoiro, no concello de Ames.

Nestas áreas estará vixente a limitación de ocupación ao 50 % en establecementos comerciais, de restauración ou de hostalaría, e a redución en celebracións, velorios e lugares de culto.

En hostalaría está prohibido o consumo na barra, e as reunións limítanse a dez persoas como máximo.

Ademais das novas incorporacións, o comité deu o visto e prace á prolongación das medidas en Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e Verín, e mais nalgúns barrios da cidade da Coruña.

Trece casos entre o persoal de hospitais de Ourense e Verín 

O gromo entre persoal sanitario con cinco casos positivos no Hospital Universitario de Ourense e oito no Hospital Público de Verín corresponde a traballadores dunha unidade de hospitalización en ambos os casos.

Así o indicaron fontes da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, que sinalaron que por mor da detección destes casos se puxo en marcha o protocolo de seguimento e illamento de contactos de risco entre o persoal e os pacientes de ambas as unidades de hospitalización, "nas que desde este martes se bloquearon os accesos e visitas".

Deste xeito, en función das instrucións do Servizo de Medicina Preventiva e da Unidade de Saúde Laboral, hai 13 traballadores en corentena en Ourense e oito en Verín, segundo indicaron as mesmas fontes. Ademais, proseguen os estudos de seguimento a fin de determinar "a orixe e alcance dos focos", destacaron as mesmas fontes sanitarias.

Máis sobre Vilagarcía de Arousa