CRTVG

Buscar

Sanidade impón restricións en Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha

Publicado o 02/09/2020 21:00

• Como novidade o uso da máscara será obrigatorio nos ximnasios

As medidas entran en vigor este xoves, tal como recolle xa o DOG

• As restricións levántanse en varios municipios da área coruñesa: Bergondo, Abegondo, Carral e Sada. Na cidade de Lugo, mantéñense

O conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña anuncia restricións en máis concellos. Son Santiago, Santa Comba, Carballo, Ourense e A Laracha. É a decisión tomada na reunión co comité clínico de expertos que asesora á Xunta.

As medidas aplicadas son as mesmas que seguen vixentes nos concellos de Lugo e da Coruña:

  • Límite de reunión de 10 persoas.
  • Ocupación dun 50 % nos locais de hostalaría e terrazas
  • Prohibido consumo en barra dos bares
  • Limítase a ocupación de celebracións relixiosas (misas, velorios...)
  • Péchanse residencias e centros de día

Cómpre destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % da ocupación do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor ata o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para estar fin de semana. 

Outra medida nova anunciada é o uso obrigatorio da máscara en ximnasios, dados os gromos xurdidos nestes espazos. Esta restrición aplicarase nuns días no resto do territorio galego, despois dunha nova avaliación.

Reláxanse as medidas en catro concellos

A evolución en agosto en Bergondo, Abegondo, Carral e Sada, da área da Coruña, foi positiva. "Hai unha melloría moi destacable", indicou Almuíña. Os expertos consideran que os concellos melloraron, e por iso se levantan as restricións. Quedan co resto de medidas aplicadas en Galicia.

A área de Lugo segue en tendencia ascendente, e por tanto manteranse as restricións para "consolidar o dato".

Do mesmo xeito, os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, tamén verán prorrogada a vixencia das limitacións establecidas por Sanidade.

Precaución cos espazos pechados e as reunións

Almuíña sinalou tamén a importancia de manter precacuión nos espazos pechados, e puxo de exemplo os cines. "É moi importante que ademais da ocupación haxa tamén unha distancia física entre as persoas non conviventes".

"A situación nas residencias é moito mellor" pero "non podemos baixar a garda". Almuíña explicou que nas vindeiras datas manterá unha reunión coa Consellería de Política Social co ánimo de elaborar un protocolo máis estrito sobre o seu funcionamento e réxime de visitas.

O titular da carteira sanitaria da Xunta de Galicia explicou que estas medidas serán publicadas esta tarde no 'DOG' e entrarán en vigor desde as 00:00 horas desta noite. Ademais, apuntou, a posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado dentro dunha semana.