Sanidade estudará a petición da Liga de comezar fase de adestramentos totais precompetición
O presidente da Liga deslizou hai días a data do 12 de xuño para volta do fútbol. Para que lle saian os cálculos os equipos deberían comezar este luns 25 a última fase dos adestramentos, a que permite o traballo en grupos de máis de dez xogadores. O ministro de Sanidade dixo na súa última comparecencia que van estudar a petición da liga de autorizar estes adestramentos "precompetición".
Salvador Illa: "Estudiaremos a petición da Liga. De momento non hai nada decidido."
O protocolo do CSD para o regreso das competicións sinala que debe mediar unha semana entre o final desta última fase e o comezo da liga. É un protocolo pensado para previr os contaxios pero tamén as lesións. Segundo isto unha data máis plausible sería a do 19 de xuño.
En todo caso o fútbol segue o seu propio camiño. Mentres que hai territorios en distintas fases de desescalada, a todos os equipos da liga, estean no territorio que estean, permitíuselles avanzar ás mesmas condicións de traballo que ós demais.