CRTVG

Buscar

Sanidade estuda o traslado de pacientes entre comunidades e verificará os tests antes da repartición

Publicado o 30/03/2020 15:30

O distanciamento social comeza a ter o seu impacto. O ritmo dos contaxios segue á baixa. E, as últimas 24 horas deixan un lixeiro descenso de falecidos. Con todo, Sanidade insiste en que chegamos a días complicados. A demanda nas UCI seguirá medrando, e algunhas están xa ao límite.

María José Sierra, xefa de área do Centro de Coordinacion de Alertas e Emerxencias Sanitarias, di que Madrid e Cataluña "son as que xa están no límite das súas capacidades de UCI ou a punto de chegar a el, e é aí onde hai que facer o maior esforzo. No resto de comunidades, algunhas estanse acercando pero ao mesmo tempo tamén se están colocando máis camas".

Hai casos novos que precisan destas camas, ocupadas por pacientes cun período longo de recuperación, entre quince e vinte días. Por iso, trabállase no traslado de recursos entre comunidades con menos presión asistencial, e non se descarta o de pacientes.

María José Sierra, xefa de área do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias: "Xa se pediu axuda a comunidades que tiñan menos carga de UCI, sobre todo para respiradores, e unha das cousas que se está avaliando agora é o posible traslado de pacientes".

A cifra dos sanitarios positivos é de 12.300. A maioría están nas súas casa e evolucionan favorablemente. A de pacientes curados achégase aos 17.000. Representan xa o 20 por cento do total de diagnosticados.

Verificación de tests

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou este luns que se verificarán os tests rápidos de coronavirus, que se espera que cheguen en breve procedentes da China, antes de distribuílos entre as comunidades autónomas. Así o dixo Illa nunha conferencia de prensa en que, xunto ao Ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, se referiu ás toneladas de material sanitario que traslada a España un avión do Exército do Aire desde a China, entre as que se atopa un millón de tests da COVID-19.

O ministro anunciou que ese material se comprobará e verificará antes de entregar e poñer ao dispor das comunidades autónomas. Tamén se elaborará unha guía para o seu uso. O responsable de Sanidade insistiu en que o Goberno está a controlar a situación creada pola pandemia de COVID-19 e está a mostrar diariamente toda a información dispoñible ante a situación nova a que nos enfrontamos. Asegurou que España está entre os países onde se realizan máis tests ordinarios de diagnóstico, xa que se fan entre os 15.000 e os 20.000, o cal suma uns 355.000 efectuados ata o momento.

Noticias web

30/03/2020