CRTVG

Buscar

Sanidade estuda novas medidas contra o xarampón despois de que a OMS alertara do aumento da doenza

Publicado o 30/08/2019 16:02

O Ministerio de Sanidade estuda novas medidas para a prevención do xarampón. España continúa libre da doenza, pero catro estados europeos, entre eles o Reino Unido, xa non o están. A Organización Mundial da Saúde alerta do auxe da enfermidade, que rexistrou no que vai de ano en Europa máis casos ca en todo o ano pasado. E lembra a importancia da vacinación, clave para evitar mortes.

O Ministerio de Sanidade está de acordo coa recomendación dos expertos de que se vacinen do xarampón os nacidos antes de 1980 se non o fixeron, non pasaron a enfermidade ou non teñen as dúas doses. Ademais estudan novas medidas. Polo de agora, a Organización Mundial da Saúde certifica que España segue estando libre da doenza: si houbo casos, pero considéranse importados ou secundarios. En Galicia case todos os nenos reciben a inmunización: a cobertura supera o 90%. Ademais a Xunta esixe estar vacinado para poder acceder a unha escola infantil autonómica.
 
A alerta está acesa porque en todo o mundo, menos no continente americano, está a aumentar a incidencia do xarampón. Os maiores andazos danse no Congo, Madagascar e Ucraína. En Europa, catro países deixan de estar libres da doenza: Grecia, Albania, a República Checa e o Reino Unido. Na primeira metade deste ano rexistráronse en Europa 90.000 casos, e xa son máis que en todo 2018.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/08/2019