Sanidade estuda ampliar a ocupación e que a hostalería recupere o seu horario
• Descartan por agora modificar o uso de máscaras nos colexios
Coa situación controlada e unha incidencia de só 14 casos por cada cen mil habitantes, a reunión do comité clínico dará novos pasos cara á normalidade.
Unha volta que implica avanzar na ampliación de ocupación, aínda que esixindo o certificado covid no caso do ocio nocturno. Tamén está sobre a mesa a ampliación de horarios na hostalería, pero pendentes da reunión co sector e co comité clínico. Así e todo, inciden na importancia de seguir mantendo o uso da máscara en interior ou nas escolas e as distancias sociais.
Para o sector hostaleiro a volta á normalidade é froito de todas as medidas adoptadas.
Unha nova normalidade en que a máscara seguirá sendo obrigatoria nas escolas e nos interiores. Tras a reunión do comité clínico, a Xunta ten previsto levantar este xoves a emerxencia sanitaria vixente dende hai 19 meses.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu descartar por agora levar a cabo modificacións no uso da máscara nos centros escolares, como se está expondo por parte dalgunhas voces. "Neste momento, non", dixo Comesaña, ao ser preguntado polos medios de comunicación, este martes, en Ourense. Con todo, recoñeceu que esta cuestión xa estivo encima da mesa e, en concreto, o uso da máscara durante os recreos ao aire libre.