CRTVG

Buscar

Sanidade eleva a 22 os casos confirmados en Galicia

Publicado o 10/03/2020 15:07

• Desinfectan o centro cívico de Feáns

Os dous técnicos que procederon aos labores de desinfección usaron un tratamento de pulverización e vaporización moi fina en  interiores e exteriores do inmoble. Din que é un método cen por cento eficaz porque chega a todos os recunchos. Encheron varias  bolsas con papeis, plástico e cartóns. Obxectos cos que puideron ter contacto os usuarios contaxiados. Agora o centro pasará a súa corentena. Estará 14 días pechado. Aquí, en Galicia, no rexistro facilitado esta mañá polo ministerio de Sanidade hai 22 casos confirmados e seguen varios en estudo.  

A primeira hora da mañá comezaron os traballos de desinfección no centro cívico de Feáns, na Coruña, ao que se vencellan a maior parte dos casos confirmados nesa área sanitaria.

Sanidade investiga a orixe deste foco e mantén en vixilancia activa, pendente de probas, os usuarios que puideron estar expostos nos últimos días.

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía: "Non se pode avanzar unha cifra porque o período de incubación é de ata catorce días. O que si se pode dicir é que farán en todos os casos en que desenvolvan síntomas"

E, por precaución, o centro permanecerá pechado os próximos 14 días.

O Ministerio de Sanidade acaba de elevar a 22 os casos confirmados en Galicia, onde seguen pendentes do resultado varias mostras enviadas a Madrid.

Son catro máis que onte. Daquela, aos once vencellados con Feáns sumábanse dous máis na Coruña; catro na área de Vigo, que gardan relación familiar; e un en Ourense, a profesora que estivo en Venecia.

Destes positivos, dous seguían ingresados na UCI. María José Pereira, xefa de Servizo de Medicina Preventiva do hospital da Coruña: "A porcentaxe maior dos nosos pacientes están en domicilio, cun estado de saúde que así o permite. Realmente a porcentaxe de pacientes que precisan hospitalización ou coidados intensivos é menor".

Institucións penitenciarias confirma que illou de xeito preventivo dous internos en Teixeiro. Un deles procede de Milán e deu negativo na proba. O outro é o compañeiro co que compartiu furgón policial.

Feijóo preside a comisión de seguimento do coronavirus

O presidente da Xunta xa falou o luns con Pedro Sánchez da evolución do coronavirus en Galicia e España e di que vai seguir ao pé da letra o que decidan as autoridades sanitarias.

O propio Núñez Feijóo preside esta tarde a comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus. Non hai medidas excepcionais polo de agora en Galicia, á espera do que diga o ministerio de Sanidade e o Consello Interterritorial de Saúde, pero si recomendacións para as persoas maiores.

O presidente da Xunta asegura que non van faltar recursos no Sergas para atender as persoas afectadas e anima a chamar aos teléfonos de información a quen crea ter síntomas para que o atendan na casa.

Noticias web

10/03/2020