CRTVG

Buscar

O Goberno e as comunidades consensúan un protocolo para a eutanasia

Publicado o 24/06/2021 19:38
O Goberno e as comunidades consensúan un protocolo para a eutanasia

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron un protocolo médico para avaliar a situación de incapacidade das persoas que pidan a eutanasia a partir deste venres, cando entre en vigor o texto legal que a regula. Ademais, traballan nun manual de boas prácticas, con recomendación de fármacos, co que se pretende homoxeneizar a axuda a morrer en todo o país.

A lei da eutanasia é unha norma "garantista que dá resposta á demanda social existente ao redor deste tema", subliña Sanidade nun comunicado. Poderán solicitar axuda para morrer persoas maiores de idade cunha enfermidade grave e incurable e que padezan un sufrimento "constante e intolerable".

Segundo explica a nota, o regulamento desta prestación baséase na compatibilidade de principios esenciais recollidos na Constitución: os dereitos fundamentais á vida e á integridade física e moral; e a defensa á dignidade, á liberdade ou á autonomía da vontade.

Unha persoa poderá decidir como será o proceso final da súa vida, en todo momento acompañado por un equipo de profesionais sanitarios. Ademais, facilitarase que estea acompañada pola familia, lembra o Ministerio.

No Consello Interterritorial de Saúde, celebrado este mércores, aprobouse un protocolo para a valoración da incapacidade de feito. Do mesmo xeito, o Goberno e as comunidades ultiman un manual de boas prácticas.

O primeiro dos documentos recolle recomendacións para axudar o persoal médico a valorar a situación de incapacidade de feito das persoas que soliciten a eutanasia.

Como é habitual na práctica clínica, explica Sanidade, esta valoración comeza por unha entrevista, durante a que o persoal "médico responsable" valora a capacidade de comprensión, apreciación, razoamento e expresión dunha elección por parte do paciente. Se o resultado non é concluínte, poderá recorrer a ferramentas de apoio ou consultar con especialistas.

Tras ese paso, a lei establece que un "médico consultor" deberá corroborar o caso, emitindo un informe favorable ou desfavorable que se incluirá na historia clínica do paciente.

Manual de boas prácticas

O manual de boas prácticas recolle recomendacións sobre os medicamentos que se deberán administrar para que a prestación se realice de xeito homoxéneo en todo o Sistema Nacional de Saúde, destaca Sanidade.

Inclúe ademais modelos dos documentos que serán necesarios ao longo de todo o proceso, como o formulario de solicitude, a folla de información sobre a eutanasia, o consentimento informado ou as recomendacións para o exercicio da obxección de conciencia polos profesionais sanitarios.

A Comisión de Formación Continuada do persoal sanitario tamén está a traballar coas comunidades para incluír nos cursos que se ofrezan todos os aspectos necesarios para practicar a eutanasia, nova prestación na carteira de servizos.

O Ministerio de Sanidade abriu un apartado na súa páxina web con información para a cidadanía e para o persoal médico, ademais de ligazóns ás páxinas específicas de varias comunidades autónomas.

Noticias web

24/06/2021