CRTVG

Buscar

Sanidade dubida do descenso de contaxios notificado pola Comunidade de Madrid

Publicado o 06/10/2020 08:21

Madrid continúa coas restricións impostas por Sanidade, despois de que a Audiencia Nacional rexeitara suspender de urxencia as medidas, a pedimento dun particular. A Comunidade notificou un importante descenso de casos nas últimas 24 horas, pero no Goberno central atribúen esa caída en parte a atrasos nas comunicacións. 

A Comunidade de Madrid notificaba unha caída en picado dos contaxios nas últimas vinte e catro horas. 207 fronte aos 814 do venres. Aínda que tamén comunicaba preto de 700 casos atrasados de días anteriores.

José Luis Martínez-Almeida, alcalde de Madrid: "Os resultados están avalando as medidas adoptadas pola Comunidade de Madrid. A ver que resultados producen as medidas do Goberno da nación".

Pero Sanidade dubida destas cifras. Con máis de 700 casos por cen mil habitantes na capital e preto de 600 na comunidade, din, a situación dista moito de ser favorable. Para Fernando Simón, o descenso dos casos pode deberse a outra razón.

Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias: "Non están chegando os datos dos resultados de antíxenos. E iso podería ter que ver con esta baixada da incidencia".

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Oxalá que os datos sexan así. O obxectivo non é chegar a quiñentos e pico, senón baixar moito a curva. E para iso aínda faltan semanas, e van ser semanas duras. Non estamos facendo política. Estamos traballando desde a evidencia científica".

Desde Génova, da dirección nacional do PP, apoio sen fisuras á presidenta Díaz Ayuso e chamamento á unidade.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP: "Porque a loita de Sánchez é contra a Comunidade de Madrid, é contra a presidenta, non é contra o virus. A intervención de Madrid é o primeiro acto do ministro Illa para as eleccións catalás".

Esta tarde, ás dúas, cuarta reunión do chamado Grupo Covid-19 entre o Goberno central e o madrileño para analizar a evolución da pandemia na rexión. Asisten o ministro de Sanidade mais a de Política Territorial e o vicepresidente Aguado e o conselleiro de Sanidade.

Noticias web

06/10/2020