Sanidade di que decidirá nas próximas semanas sobre a terceira dose da vacina
Esta nova onda da pandemia volve golpear nas residencias de maiores, cos casos disparados en xullo e agosto. Grazas á vacina os datos de hospitalizados e falecidos son moito máis baixos que en ondas anteriores pero colleu forza ao debate de se é precisa unha terceira dose nestes centros. No Ministerio din que de momento non está demostrado que sexa necesaria e tomarán a decisión nas próximas semanas.
Na Comunidade de Madrid din que eles teñen claro que si pedirán esa terceira dose para a poboación máis vulnerable. E o sector das residencias cambia o foco do debate. Para eles o prioritario é que todos os traballadores destes centros estean vacinados e tamén os familiares dos internos.
Mentres, segue avanzando a vacinación e o número de inmunizados coa pauta completa en España xa rolda o 60 %.