CRTVG

Buscar

Sanidade desbota a desescalada e prevé algún axuste nas restricións

Publicado o 14/02/2021 13:54

Logo de tres semanas de duras restricións para frear os contaxios, Julio García Comesaña admite que os datos son bos pero lembra que a situación das unidades de críticos dos hospitais galegos segue estando por riba do pico do mes de marzo. Tamén é importante o número de falecidos diarios.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Os datos favorecen ese clima de optimismo pero non de triunfalismo, porque aínda temos unha rémora importante na situación da unidade de críticos. Facendo un símil no ámbito médico, o prognóstico é aínda reservado".

A situación dos hospitais, a incidencia acumulada e a variante británica, con maior capacidade de contaxio, pesarán nas decisións que tome o comité clínico na reunión deste luns. O conselleiro non quixo adiantar nada, pero cre que aínda é cedo para falar dunha desescalada. Será un comité de prudencia, dixo, do que pode saír algún alivio para colectivos moi concretos a medio prazo.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Coma o educativo, por exemplo, lembremos que a universidade é en liña; pois haberá que propoñer, coas medidas axeitadas, unha progresividade na recuperación das clases presenciais unicamente nos universitarios".

Tamén se debaterá sobre a ampliación dos horarios dos comercios. No tocante á hostalería, os cambios irán máis lentos.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Os resultados están aí, e é un sector que infúe, a actividade inflúe na incidencia acumulada por suposto. Seguiremos a traballar con eles como viñemos facendo ata o de agora, pero eu creo que aí, de momento, si que a máis longo prazo".

O conselleiro mostrouse moi satisfeito pola marcha da campaña de vacinación. Confía en que a partir de marzo se poida avanzar máis rápido porque Galicia vai recibir o dobre de doses de Pfizer.

Noticias web

14/02/2021