Sanidade mantén nas cidades galegas as mesmas restricións e Rianxo pasa a nivel máximo
• Muxía, Meis, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas e Vilaboa recuperan a mobilidade | Moaña baixa ao nivel medio de restricións e os concellos de Vilalba, Tui e Ponteareas, ao nivel medio alto
• Dará a coñecer este martes a actualización do plan de Nadal
Tras máis de cinco horas de xuntanza do comité clínico, na que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Sanidade, González Comesaña, e a conselleira de Política Territorial, Fabiola García, Sanidade decretou o nivel máximo de restricións en Rianxo.
Na comarca da Barbanza están nas mesmas circunstancias que agora Rianxo tanto Boiro como Ribeira, e a única excepción é a do concello limítrofe da Pobra.
Este órgano determinou, por contra, que deben suavizarse as limitacións en Muxía, Meis, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas e Vilaboa, que agora pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.
O comité clínico resolveu que Moaña baixe ao nivel medio de restricións. Mentres, os concellos de Vilalba, Tui e Ponteareas baixan ao nivel medio alto.
Oss especialistas sinalaron que é necesario manter unha vixilancia especial en Verín e implementarla, en Aranga, Noia, Porto do Son, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Burela, Dozón, Vedra, Muros e Xinzo de Limia.
A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Pontevedra e Lugo, as seis cidades galegas con peche perimetral, seguirán igual tendo en conta que o comité clínico que asesora á Xunta decidiu que non é momento de facer modificacións. Así as cousas, Ourense mantense como a única excepción, pois na terceira urbe galega non está restrinxida a mobilidade.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores, subliña o comunicado remitido á prensa.
Mañá, martes, ás 9.00 horas, a Consellería de Sanidade informará da actualización das medidas do Plan de Nadal, sobre as cales hoxe non avanzaron detalles.
Sanidade lembra na nota a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta co ánimo de mellorar a situación na Comunidade e poder ir diminuíndo as restricións vixentes.
Galicia estará pechada perimetralmente desde o 23.