CRTVG

Buscar

Sanidade decidirá hoxe se pon a vacina de AstraZeneca aos maiores de 65 anos

Publicado o 04/02/2021 09:35

A Comisión de Saúde Pública decidirá hoxe se a vacina de AstraZeneca, que vai chegar xa este sábado a España, se lles administra aos maiores de 65 anos. Anunciouno a ministra de Sanidade tras a reunión do Consello Interterritorial. Carolina Darias asegurou que España vai recibir preto de sete millóns de doses das vacinas de Pfizer, Moderna e AstraZeneca ata marzo e que se distribuirán de xeito equitativo ás comunidades en función da poboación diana. 

A primeira remesa de 1,8 millóns de doses de AstraZeneca chegará entre este sábado día 6 e o luns 8. Pero a decisión de a quen se lle administrará aprazouse ata hoxe, a unha nova reunión da Comisión de Saúde Pública. Sanidade xa descartou poñérllela aos maiores de 80 anos. Nas próximas horas saberase se llela poñen ou non aos maiores de 65. Algúns informes científicos recomendaron non inocularlla a este grupo por falla de datos sobre os efectos durante os ensaios clínicos. É probable que finalmente vaia para xente máis nova con patoloxías, traballadores esenciais ou sanitarios aínda non vacinados.

Segundo estudos preliminares pendentes de ser validados por científicos independentes, esta vacina de AstraZeneca reduce a trasmisión do coronavirus e os contaxios ata nun 67 % despois da primeira dose, e espazar as dúas doses ata os tres meses eleva a súa eficacia.

Polo demais, de Pfizer chegarán catro millóns e medio de doses entre febreiro e marzo. E de Moderna, 412.000 este mes. Con estas previsións, segundo vaian chegando vacinas, no Goberno din que o plan de vacinación se vai ir actualizando para determinar que grupos se van ir vacinando. Cóntase así alcanzar o obxectivo que marcara tanto España como a Unión Europea.

Carolina Darias, ministra de Sanidade: "A previsión que temos é que no segundo trimestre a chegada importante de doses permitirá que finalizando marzo estean o 80 % dos maiores de 80 anos vacinados no noso país".

O número de vacinas irá medrando cada mes. Sanidade abre a porta a utilizar tamén a vacina rusa en España, a Sputnik, se a Axencia Europea do Medicamento a aproba.

Sobre a evolución epidemiolóxica, a ministra Darias informou que se superaron os 60.000 mortos en España tras rexistrárense 565 novas mortes e alertou de que, inda que se aprecia unha tendencia de descenso, a ocupación nas UCI segue sendo moi alta, con comunidades por riba do 50 %.

Noticias web

04/02/2021