CRTVG

Buscar

Sanidade dáse unha semana para saber como serán as reunións no Nadal

Publicado o 26/11/2020 08:32

Sobre como vai ser o Nadal aínda queda moito por debater. Tanto que o Goberno e as comunidades autónomas non deron pechado onte as medidas e aprazaron o debate ata a próxima semana.

Estamos a menos dun mes do Nadal, e o que se pode dicir é que hai practicamente tantas propostas como comunidades autónomas, é dicir, unhas 17.

Na reunión do Consello Interterritorial da Saúde, celebrado onte pola tarde, non foi posible chegar a un consenso entre todos, e os resposables de Sanidade déronse unha semana máis para seguir traballando.

O Goberno central propón limitar as reunións de Noiteboa e Fin de Ano a un máximo de seis persoas e estender o toque de recollida ata a 1 da madrugada.

Madrid, Cataluña, Navarra e Murcia teñen a intención de ampliar o número de participantes ata dez, e Galicia quere que os nenos se computen de forma distinta. Segundo manifestou o presidente da Xunta, aínda hai que agardar.

A intención é fixar unhas normas comúns para toda España, e tamén avaliar se se van permitir as viaxes entre comunidades autónomas.

Serán unhas festas diferentes ás que coñeciamos ata agora, con límites no número de persoas que se reúnan e volta á casa a unha hora prudente. É dicir, agora máis ca nunca, con sentidiño.

 

 

Noticias web

26/11/2020