CRTVG

Buscar

Sanidade corrixe a cifra de falecidos, que queda en 26.834, case 2.000 menos

Publicado o 25/05/2020 17:18

• Simón explícao en casos duplicados ou non confirmados | Tras o cambio no sistema de notificación, pasouse de 70 vítimas onte a só 50 na última semana

Continúa o baile de cifras sobre a evolución da pandemia, e Ministerio de Sanidade advirte que as discrepancias van continuar porque se están combinando dous métodos de vixilancia. Hoxe rectificou o número total de falecidos.

Se onte falaba en 28.752, agora rebaixa a cifra a 26.834, 1.918 menos. Ademais, informou de 50 novos falecidos, pero matiza que estas mortes non se produciron nas ultimas 24 horas, senón nos últimos sete días. O número de contaxiados, con 132 casos máis nas ultimas horas, é de 235.400.

En concreto, deixaron de aparecer na estatística 1.126 mortos en Cataluña, 291 en Madrid, 152 en Castela-A Mancha, 62 na Comunidade Valenciana e 48 en Castela e León.

O director do Centro de Coordinación de Emerxecias Sanitarias, Fernando Simón, explica que este baile de cifras se debe a un novo sistema de vixilancia da evolución da epidemia. Agora os datos refírense á data do falecemento ou do contaxio da persoa, non só á da notificación.

"Entendo que pode chamar a atención os primeiros días, pero se van entendendo a diferenza entre data de notificación e data de diagnóstico, data de inicio de síntomas, data de hospitalización, data de ingreso en UCI e data de defunción, verán que a data de notificación pode non coincidir e, polo tanto, os datos non coinciden".

Tamén se están eliminando do reconto duplicidades ou casos sospeitosos que se deron como confirmados. "Eu creo que imos nunha liña moi favorable para valorar o que realmente queremos agora, que é o número real de contaxios que se producen neste momento e non os que se producían, como diciamos sempre, hai 14 ou 15 días".

Simón confirmou que o número de sanitarios contaxiados anda polos 52.000, tras sumar os 345 das últimas horas.

Os 50 mortos deste luns distribúense da seguinte maneira:

Andalucía 1

Aragón 1

Baleares 7

Cantabria 1

Castela-A Mancha 2

Castela e León 5

Cataluña 3

Ceuta 2

Comunidade Valenciana 6

Galicia 9

Madrid 3

País Vasco 1

A Rioxa 9

Nas últimas 24 horas, as comunidades autónomas notificáronlle ao Ministerio de Sanidade 132 novos positivos, que elevaron o total a 235.400. Esta é a menor cifra en casos nun día desde o 5 de marzo (78).

Nos últimos 14 días rexistráronse 6.846 casos, e 3.121 nos últimos sete días. Deles, 1.026 persoas iniciaron síntomas nas últimas dúas semanas e 243 na última semana.

Os 132 novos casos localízanse en Aragón (2), Asturias (2), Canarias (2), Castela e León (1), Cataluña (89), Comunidade Valenciana (2), Estremadura (2), Madrid (18), Murcia (6), Navarra (6) e A Rioxa (2).

Por outra banda, once persoas ingresaron en coidados intensivos (11.298 no acumulado) e 256 precisaron de hospitalización, 122.439 en total. Dos 11 novos ingresados en UCI, tres pertencen a Andalucía, un a Aragón, un a Canarias, dous a Castela-A Mancha, un á Comunidade Valenciana e tres a Madrid.

En hospitalizados, 22 son de Andalucía, 17 Aragón, tres Asturias, sete de Baleares, cinco das Canarias, dous en Cantabria, 22 en Castela-A Mancha, 25 en Castela e León, en Cataluña, un en Ceuta, 23 na Comunidade Valenciana, 13 en Estremadura, seis en Galicia, 94 Madrid, un en Navarra, nove no País Vasco e cinco na Rioxa.